O Concello solicita á Xunta a redución do caudal hidrolóxico na presa de Eiras
Caballero lamentou coñecer a través da prensa a comunicación do goberno autonómico de alerta en Zamáns e a prealerta nos ríos Verdugo e Oitavén pola seca. O rexedor pídelle á Xunta que reduza o caudal hidrolóxico “porque é unha opción e permite ter garantidos máis días de auga” e esixe á Xunta a captación de auga en alta.
Abel Caballero pediu hoxe en rolda de prensa á Xunta de Galicia a redución do caudal hidrolóxico na presa de Eiras para ter garantidos máis días de auga en caso de que non chegue a choiva. O Concello coñeceu a través da prensa a comunicación do goberno autonómico da alerta en Zamáns e a prealerta nos ríos Verdugo e Oitavén pola falla de auga, unha situación que lamentou o alcalde e pola que reiterou “a ineficacia” da Xunta nesta cuestión.
O alcalde manifestou que xa solicitara no seu día a redución do caudal en Zamáns, o que permitiría agora ter garantidos máis días de auga para unha parte de Vigo, Nigrán e Baiona: “A Xunta, axudas cero”, expresou na súa comparecencia diaria na que pediu máis tamén a redución do caudal para Eiras.
Deste xeito, o alcalde lembrou que o goberno local xa tomara medidas a principios do ano, como a retirada do subministro desde Zamáns a unha parte da cidade, ademais das humanizacións nas que se está a renovar toda a rede de saneamento e abastecemento de Vigo.
“Imos solicitar inmediatamente a redución do caudal hidrolóxico na presa de Eiras. Vemos que a Xunta non toma medidas. A captación é unha das súas obrigas, como di o Estatuto de Autonomía”, concluíu o alcalde.
Tramitación das axudas para a gratuidade dos libros
O rexedor informou este luns do inicio da tramitación do crédito extraordinario de axudas a familias para a gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio: en educación Primaria, ESO e educación Especial. Tal e como explicou, o Concello concederá 205 euros a cada un dos estudantes. Son 25.850 nenas e nenos da cidade que cursan estes estudos, 15.308 en Primaria e 10.542 en ESO, que deberán presentar o certificado de escolaridade.
O crédito extraordinario ten un importe de 5,2 millóns de euros e, segundo avanzou Caballero, as axudas poderán quedar aboadas no mes de febreiro do vindeiro ano, para paliar a situación que poidan estar atravesando as familias nestes momentos de dificultade.