Escoitar

Concello e Vegalsa asinan o convenio para o Camiño a Camiño de outono

O convenio por valor de 14.990 euros suma 7 percorridos durante os meses de outubro e novembro polo medio natural de Vigo e o seu entorno. O alcalde e o director xeral de Vegalsa, Joaquín González Iglesias, asinaron o documento para o desenvolvemento das actividades.

venres, 23 set 2022
O alcalde na sinatura do convenio co Vegalsa-Eroski
O alcalde na sinatura do convenio co Vegalsa-Eroski

Abel Caballero asinou esta mañá coa directiva de Vegalsa o convenio para a programación de educación medioambiental Camiño a Camiño para o período setembro-novembro 2022, no que se combina percorridos medioambientais, con hortas urbanas, voluntariado medioambiental e cursos de formación. O importe do convenio é de 14.990 euros máis IVA. O importe de todas as accións de educación medioambiental ascende a 25.000 euros

Nesta edición tamén se celebran 10 anos de patrocinio por parte de Vegalsa-Eroski, período no que se teñen desenvolto actividades con máis de 13000 usuarios e usuarias. Trátase dunha colaboración público-privado orientada á sensibilización da cidadanía en relación coa protección do medio ambiente e o fomento de hábitos de vida saudable, así como a promoción de boas prácticas cidadás relativas á xestión sustentable dos residuos, a reciclaxe e a eficiencia enerxética, que contribúen ao emprego responsable dos recursos dispoñibles.

Nesta tempada vaise a obordar o percorrido en 7 etapas dun parte da Senda das Greas (GR-58) que comunica os concellos de Vigo, Redondela, Soutomaior, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona e Nigrán, cun trazado de máis de 200 quilómetros. Tan só se circulará por algúns dos tramos, completando un total de 75km.

Trátase dunha mestura xeográfica única que combina as impresionantes atalaias das serras da Groba, O Galiñeiro e o Suído, ámbitos montesíos que configuran o reino do cabalo bravo. Tamén neste percorrido atópanse enclaves de especial interese como foxos de lobo, restos megalíticos, penedos graníticos como a base do castelo de Cans, paisaxes húmidas con bosques de ribeira a carón do río Oitavén, cantís na costa de Baiona, etc. En definitiva, comprobarase durante as sete etapas previstas como a Área Metropolitana de Vigo alberga unha riqueza natural e paisaxística, así como o feito de que nestes lugares albergouse o primeiro reino medieval de Europa.

Os percorridos arrancan o domingo 2 de outubro ata o domingo 13 de novembro, cun número de 150 participantes en cada percorrido. Os percorridos están pensados para que os poida realizar todo tipo de público acostumado a camiñar polo medio natural. O custe de cada percorrido será de 4€ por participante e os menores de 12 ano, de 2€.

Hortas urbanas
As hortas escola proseguiran a súa andaina de outono con novas incorporacións de usuarios e usuarias durante o mes de setembro. Dende finais de setembro arrancarán os cultivos de inverno, así como a preparación das composteiras que se empregarán na primavera. As actividades realízanse en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto, Sardomela e Camelias. En total están dispoñibles 13.000 m2 de superficie para esta actividade.

Voluntariado medioambiental

A participación nos programas de educación medioambiental complétanse coa posibilidade que teñen todos os veciños e veciñas de Vigo de colaborar nas políticas medioambientais desenvoltas dende o Concello e Vigo no Programa de voluntariado medioambiental. 

Para este outono está previsto desenvolver labores de recuperación do Monte da Guía e nos Montes de Vigo, realizando entre outras labouras a erradicación de acacia negra e eucalipto en zonas de interese público, limpeza de espazos protexidos, así como labouras de mantemento e limpeza dos sendeiros locais. Estas labouras realízanse sábados pola mañá, así como martes e xoves pola tarde.

Proseguirase tamén co paseo dos cans do Refuxio de animais abandonados de Vigo, que se realiza todos os mércores pola mañá, así como actividades de voluntariado en Vigozoo, os xoves pola tarde.

Para poder participar no programa é preciso realizar o Curso de iniciación ao voluntariado medioambiental previsto o xoves 29 de marzo, de 17 a 19h. Para inscribirse hai que chamar ao 010 (986 81 02 60 para móbiles) entre o luns e o mércores da semana da actividade.

Máis información

Toda a información relativa ao programa e aos detalles do mesmo atópase na web da Concellería de Medio Ambiente e no blog: caminoacaminovigo.com.

O proceso de inscrición realizase a través do 010 (986810260 se se chama dende móbil).

 

O alcalde na sinatura do convenio co Vegalsa-Eroski
Descargar todas as imaxes