O goberno municipal aproba o IX Programa de murais cun orzamento de 480.000 euros
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á nova convocatoria deste programa co que quere poñer en valor o patrimonio da cidade. Amais, queda aberto o prazo para participar na IV Batalla Mural, o concurso de arte urbana de Vigo.
O alcalde informou na rolda de prensa deste venres da aprobación do IX Programa de murais e demais espazos que conforman a paisaxe urbana cun orzamento de 480.000 euros co que se prevé a realización de entre 10 e 15 actuacións. Con este proxecto, o Concello quere contribuír ao proceso de recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial e da paisaxe urbana, poñendo en valor o patrimonio da cidade, amais de dar a coñecer a obra dos artistas urbanos. O programa de murais está en marcha desde o ano 2015 e xa son case 150 obras realizadas en espazos urbanos, na rúa e en colexios da cidade.
O goberno municipal ten aprobadas tamén as bases da IV Batalla Mural do VIII Programa municipal de murais: un concurso de arte urbana que pretende achegar á cidadanía o valor da cultura urbana en todas as súas manifestacións. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de outubro e o artista gañador poderá pintar a súa obra nun mural da cidade.
Respecto aos requisitos para concursar: a inscrición é gratuíta para maiores de 18 anos, debe ser unha participación individual e ten que ser a primeira vez que o artista participa no programa Vigo, cidade de cor. O tema da obra é secreto ata o día de celebración do evento, comunicarase media hora antes aos participantes; o Concello proporcionará o material necesario para pintar e será un xurado, conformado por especialistas en arte urbana, determinado polo Concello, quen valorará as obras da batalla e seleccionará a gañadora.
Modificación do proxecto da grada de Marcador
Aprobación do proxecto modificado nº2 das obras da nova bancada de Marcador do Estadio Municipal de Balaídos por un importe de 3.074.902 euros e a autorización de ampliar o prazo da obra en 3 meses. Así, a previsión de finalización das obras e a posta en funcionamento da grada de Marcador sitúase na fin de semana do 10, 11 e 12 de marzo de 2023 para o partido contra o Rayo Vallecano.
Tal e como explicou o rexedor, o proxecto contempla tres modificacións: en primeiro lugar, un reforzo da seguridade do estadio adecuando o “coeficiente de seguridade á ausencia da protección ante o vento que proporciona a grada de Gol” e, un reforzamento que se manterá cando se execute Gol. Adóptanse solucións técnicas que garantan a execución completa de pel de fachada: substitúense tabiques interiores, reducindo as cargas mortas nun 64% e axústanse elementos de transporte mecánico, ascensores… á configuración final dos forxados e esquemas funcionais e de tránsito da nova bancada. O Concello priorizou a grada de Marcador antes que Gol, ao aglutinar un maior número de afeccionados.
En segundo lugar, o modificado inclúe unha parte de liquidación do 4%, arredor de 700.000 euros e, en terceiro, unha modificación derivada da aparición de redes e instalacións no subsolo, diferentes ás recollidas no proxecto, que obrigará á execución dun pozo de bombeo para as augas fecais.
O alcalde referiuse tamén a outras dúas causas que provocaron adiamentos na obra “sobradamente coñecidas”: a folga do transporte do mes de marzo que rompeu a cadea de subministracións supuxo un atraso de 4 semanas e o Concerto de Muse, con paralización parcial e/ou total da obra, atrasou os traballos desde o 2 de setembro ao 26 de setembro. Polo que o estadio quedará dispoñible na fin de semana do 10, 11 e 12 de marzo.
O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra financian a totalidade da obra do Estadio Municipal de Balaídos e “tan pronto como estea rematada Marcador iniciaremos a tramitación para iniciar a grada de Gol”.
Cubrición do patio do Javier Sensat
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras para a cubrición do patio do Colexio Javier Sensat que ten un orzamento de 366.000 euros e un prazo estimado de execución de 3 meses. O alcalde explicou que o Concello dedicou xa 2,4 millóns de euros á cobertura de 7 patios de colexios: Pintor Laxeiro, Balaídos, García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal, mentres a obra no Frián Teis será financiada co crédito extraordinario que se está tramitando.