Escoitar

O Concello incrementa as contías das axudas de emerxencia, que non terán límite orzamentario

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2022 que ten un importe inicial de 1.175.000 euros pero para o que non hai límite: “todo o que sexa necesario vaise dar”.

xoves, 23 dec 2021
O rexedor durante a rolda de prensa deste xoves
O rexedor durante a rolda de prensa deste xoves

“Seguimos no novo proxecto das novas axudas sociais adaptadas á nova situación”, apuntou o alcalde en rolda de prensa ao dar conta do contido do programa que se destina fundamentalmente a axudas a familias, a evitar desafiuzamentos co fondo de emerxencia e a realizar melloras nos fogares.

Segundo explicou, o goberno municipal incrementa as contías máximas mensuais en concepto de alimentos e alugueiro e as contías máximas por todos os conceptos para atender mellor as necesidades das persoas “dado o aumento do custo da vida. Estamos no proceso de axudar ás familias e persoas que están en difícil situación”; amais de que teñan o Ingreso Mínimo Vital garantido poderán recibir do Concello a axuda que precisan.

Neste sentido, o rexedor informou da concesión de 226 axudas por importe de máis de 35.000 euros na última comisión de axudas de emerxencia, que era a última desde ano 2021. O goberno municipal aboou 23.300 euros para pagos de vivenda, o 65,4% do total; 54 axudas de alugueiro, 6 axudas para afrontar o pagamento de créditos hipotecarios e 9 de aloxamento.

350.000 euros para alumnado universitario

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de programas de axudas ao alumnado cun importe de 350.000 euros “para que ninguén quede excluído por razóns económicas de estudar na universidade. É un importantísimo proxecto social”, explicou o alcalde, co que se presta apoio para o acceso ou a permanencia nos estudos universitarios, axudas económicas e a cobertura das necesidades vitais do estudantado que o precise.

Descargar todas as imaxes