Escoitar

O Concello dota á Alameda dun “Punto lila” contra as violencias machistas

Segundo informou o alcalde, o goberno de Vigo instala este mércores un posto “de información e atención especializada para a prevención do acoso e a violencia sexual nas zonas de ocio”. Emprazado na Praza de Compostela ata o 9 de xaneiro, catro profesionais informan e conciencian fronte ás agresións contra as mulleres.

mércores, 22 dec 2021
O alcalde, este mércores en rolda de prensa.
O alcalde, este mércores en rolda de prensa.

“A cidade, de novo en defensa das vítimas da violencia machista e en prevención do acoso e da violencia sexual nas zonas de ocio”, valorou Caballero, quen explicou que o “Punto lila” ofrecerá información, concienciación e atención cidadá desde este mesmo martes ata o 9 de xaneiro.

Os horarios de apertura procuran adaptarse ao ocio e á presenza de xente no entorno, podendo variar en función do público e da afluencia da zona. Inicialmente, o posto estará aberto de 20:30 a 01:00 horas os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro, e o 3, 4, 5, 6, 8 e 9 de xaneiro. O 24 de decembro funcionará de 17 a 20 horas e o 26 de decembro e o 2 de xaneiro, de 20:30 a 02:00 horas. Na Noitevella terá un horario especial, de 18 a 20 horas e de 01:30 ás 04:00 horas, mentres que os días 25 de decembro e 6 de xaneiro permanecerá pechado.

Na rolda de prensa, o alcalde amosou un díptico informativo que se entregará a quen se achegue ao “Punto lila” da Alameda. Os catro profesionais dispoñen doutro material do Concello para repartir, como folletos, guías ou pulseiras contra a violencia, e están preparados para activar o protocolo de atención no caso de acoso ou agresión.

Descargar todas as imaxes