Escoitar

Vigo recibirá dous millóns de euros do Goberno de España para a musealización da Fortaleza de O Castro

O Consello de Ministros ten previsto aprobar dous millóns para a poñer en valor a Vigo como destino turístico coa musealización da Fortaleza de O Castro e con nova sinalización e mupis dixitais.

martes, 21 dec 2021

Abel Caballero celebrou en rolda de prensa que o Consello de Ministros aprobe unha “subvención directa” de dous millóns de euros para a cidade como destino turístico. Ao redor de 1.300.000 euros serán para a musealización e posta en valor da Fortaleza de O Castro e outros 700.000 euros para nova sinalización dixital e mupis.

“É para facer o túnel, os pasadizos, teatralizar a batalla naval, facer o vídeo co relato... aberto para o público. Unha cousa extraordinaria”, explicou o rexedor. Por outra banda, o alcalde apuntou que parte da subvención tamén será para mercar 20 pantallas dixitais “que irán contando o que sexa oportuno como destinos cidade, cuestións de mobilidade, concertos... queremos sinalización moderna e dixital”, afirmou.

Caballero agradeceu ao Goberno de España a musealización de O Castro e requiriu á Xunta celeridade para a autorización da obra: “Que non teñan a tentación de facer o mesmo que fixeron coas ramplas da Gran Vía e, neste caso, perder a subvención”, advertiu.

O alcalde tamén louvou as verbas so secretario de Estado de Turismo nunha entrevista “onde recoñece a importancia do Nadal en Vigo como factor turístico de primeira magnitude en España e desestacionalizado, que é o importante”.

Descargar todas as imaxes