Escoitar

Concello e Fundación Española do Corazón cooperarán para facer de Vigo unha cidade cardiosaudable

O alcalde, Abel Caballero, e o presidente da FEC, o doutor Carlos Macaya, asinaron este luns un convenio marco para converter a Vigo nunha urbe cardiosaudable, fundamentalmente a través de accións de prevención. No 2020, 328 persoas morreron diariamente por enfermidade cardiovascular en España e o 80% pódense evitar a través da alimentación e o exercicio físico.

luns, 20 dec 2021
O doutor Carlos Macaya e Abel Caballero.
O doutor Carlos Macaya e Abel Caballero.

Alcalde e presidente rubricaron no Salón de Plenos do Concello o convenio de colaboración entre as partes. En declaracións posteriores, o doutor Macaya subliñou que “é a primeira vez que unha cidade desta magnitude -e o seu maior expoñente, que é o alcalde- asina e se compromete a un pacto por promover a saúde cardiovascular de todos os seus cidadáns”, polo que mostrou a súa satisfacción: “Esperamos que esta iniciativa sexa seguida por outras cidades”.

Pola súa banda, Abel Caballero tamén manifestou o seu contento pola firma e agradeceu á Fundación “o convenio, a idea e a iniciativa”, porque “queremos ser unha cidade cardiovascularmente saudable e iso pasa pola cooperación entre a cidade e os profesionais”. Vigo se preparará para este obxectivo “baixo o consello dos expertos” e en distintas cuestións, como “a acción deportiva, da alimentación, dos mapas de desfibriladores ou na formación da xente para utilizalos”, explicou o rexedor.

O alcalde deulle relevancia ao acordo rubricado e anunciou que será difundido ao resto de entidades locais de España a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside o propio Abel Caballero.

A cardiovascular é a primeira causa de morte nos países desenvolvidos como España, segundo informou o doutor Macaya, quen ofreceu dous datos para comprender a magnitude do problema: no pasado ano, 328 persoas faleceron de media cada día por enfermidade cardiovascular e, en segundo lugar, con medidas axeitadas se pode evitar o 80% da mortalidade prematura. Estas son a alimentación e a práctica de exercicio físico.

Desde a perspectiva urbana, o presidente da Fundación Española do Corazón sinalou que as cidades poden promover hábitos saudables a través de tres decisións: “facilitar o exercicio físico nas rúas, diminuír a polución e fomentar medidas de tratamento precoz da morte cardíaca súbita, como o acceso a desfibriladores externos”.

Descargar todas as imaxes