Escoitar

O Pleno aproba o orzamento do Concello para 2022

As contas superan os 285 millóns de euros, 21 máis que no 2021. O alcalde valorou en rolda de prensa o documento como “os orzamentos máis importantes da historia Vigo”

mércores, 22 dec 2021
Abel Caballero celebra con Aneiros e o resto de edís a aprobación dos orzamentos para 2022
Abel Caballero celebra con Aneiros e o resto de edís a aprobación dos orzamentos para 2022

O Pleno deu luz verde ao orzamento municipal para o ano 2022. En total 285,6 millóns de euros, 21 máis que no 2021, que en verbas do edil de facenda, “son a panca para a reactivación económica”.

O alcalde fixo un balance positivo das contas en rolda de prensa: “Conxelación das taxas polo que baixan un 5%, 17 millóns en exencións fiscais ao cidadáns e a presión fiscal máis baixa de Galicia e das máis baixas de España. Son uns bos orzamentos con débeda cero e mantemos una situación económica boa na cidade”.

Aneiros destacou o apartado de inversións, que conta con máis de 40 millóns para proxectos, e a partida de benestar social, con 22 millóns para “políticas directas”. Detallou tamén que este área medrou máis dun 350% desde 2007.

O concelleiro di “non entender votar contra a cidade” e enumerou distintos factores económicos como “a débeda 0, o pago a provedores nunha semana e un orzamento equilibrado”.

Desde a oposición o concelleiro no adscrito pediu a participación cidadá para próximos orzamentos. O Grupo Mixto esixe melloras laborais nas empresas concesionarias e o Grupo Popular dixo que votou en contra porque “é a única posición digna”.

Aneiros reprochou á oposición de “estar preocupados na construción do relato” e falou da actividade na cidade “cos hoteis e restaurante cheos, o comercio que funciona, servizos públicos de calidade segundo a OCU... temos premios recoñecidos aos nosos servizos públicos. Viven nunha cidade distinta”.

 


O orzamento para 2022 contou con 18 votos a favor e 7 en contra.

Descargar todas as imaxes