Escoitar

Vigo lanza un macrocontrato de xestión integrada de residuos para multiplicar a reciclaxe

O goberno de Vigo licita o contrato por dez anos e un orzamento de case 422 millóns de euros. O Concello busca que no 2025 a reciclaxe sexa o 50% do residuo total (actualmente supón o 14%) e, para conseguilo, ampliará e renovará os contedores e cambiará a flota de vehículos. Abel Caballero garantiu o mantemento do emprego, que oscila entre os 630 e os 770 traballadores.

xoves, 23 dec 2021
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.

A Xunta de Goberno Local, reunida este xoves en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de contratación de servizos para a xestión sostible e integrada dos residuos, un contrato que aglutina os tres que existen hoxe en día co obxectivo de mellorar a eficiencia e disparar os niveis de reciclaxe da cidade.

Con esta licitación, segundo trasladou o alcalde, Vigo converterase en referencia municipal na xestión sostible dos residuos, ao adaptarse aos criterios europeos ao efecto. Por exemplo, Europa require que no 2025 se recolla tanto para reciclar como no contedor verde xeral, obxectivo que o Concello encara con este contrato agrupado, que sae cun orzamento de 421.892.156 euros por dez anos, con opción a dous máis de prórroga.

Hoxe en día, Vigo abona uns 42,5 millóns de euros anuais pola limpeza e xestión de residuos, incluíndo os 7,5 que lle paga a Sogama. A cidade ten tres servizos distintos contratados: un de recollida de papeleiras e mantemento destas e dos contedores, un segundo de recollida do verde, de limpeza viaria e das praias, e un terceiro para a recollida do reciclaxe e a limpeza dos contedores.

Unificalos nun único contrato procura unha maior eficiencia e incrementar notablemente os niveis de separación de residuos. Para acadar o obxectivo definido para 2025, Vigo vai estender o contedor orgánico (o de cor marrón), pasando das setenta unidades actuais ás 1.950 previstas. Tamén prevé instalar mil más de recollida separada de roupa, calzado e aceite doméstico (hoxe en día hai cincuenta de cada cal) e máis de 1.500 novos para papel, vidro, envases e pilas (agora hai 2.770). O alcalde informou tamén da renovación de mil contedores verdes polo novo modelo gris e da potenciación da recollida a domicilio de residuos voluminosos, eléctricos e restos de poda, entre outras.

O Concello estipula no contrato outra medida para incentivar a reciclaxe: se establece unha parte variable do 7,7% do total que a empresa que resulte adxudicataria só cobrará se consegue os niveis de recollida selectiva que se impoñen na licitación.

Outro dos motivos esgrimidos polo alcalde para agrupar os contratos é que se consegue modernizar o servizo e renovar completamente a flota. Vigo esixe un investimento obrigatorio mínimo de 15 millóns de euros para cambiar todos os vehículos. Estes, amais, terán a posibilidade de carga traseira e tamén pola esquerda, non só polo lateral dereito do camión, como acontece actualmente, permitindo ampliar as zonas nas que instalar contedores de reciclaxe.

Por último, Abel Caballero puxo en valor dúas cuestións relevantes. En primeiro lugar, os parámetros ambientais e de sostibilidade introducidos nos pregos de condicións, como o aforro de auga no baldeo ds rúas, a obrigatoriedade de contratar enerxía 100% verde e outorgar máis puntuación ás ofertas que inclúan novos vehículos híbridos ou eléctricos. En segundo lugar, o alcalde subliñou que se manterán todos os postos de traballo actuais nos distintos contratos, unha “estabilidade laboral” para os profesionais que prestan os servizos, e que oscilan entre os 630 e os 770 traballadores.

Descargar todas as imaxes