As persoas usuarias da PassVigo manterán a tarifa do autobús urbano en 2022
Abel Caballero avanzou este xoves en rolda de prensa o incremento en 5 céntimos do prezo do billete do transporte público, tal e como recollen os pregos do contrato. Esa suba anual será asumida polo Concello para os titulares da tarxeta PassVigo.
“Os usuarios da PassVigo manterán a tarifa do autobús urbano; é moi importante, non lles vai afectar a suba anual da tarifa polo que seguirán pagando o mesmo” ca en anos anteriores. Tal e como explicou o rexedor, o goberno municipal subvencionará cada billete destas persoas con cinco céntimos máis.
O prezo actual do billete do autobús urbanos é nestes momentos de 1,35 euros e, segundo o recollido nos pregos do contrato, cada ano debe incrementarse en 5 céntimos polo que en 2022 o prezo quedará fixado en 1,40 céntimos. “Sobe o prezo do autobús pero tódalas persoas que dispoñan da tarxeta PassVigo seguirán pagando o mesmo”.
Así coa tarifa ordinaria, as persoas usuarias da tarxeta seguirán pagando 0,89 céntimos por cada viaxe, os estudantes aboarán 0,86 euros como ata agora, aboándolles o Concello 5 céntimos máis. As persoas pensionistas I e II seguirán gozando da gratuidade do billete, de xeito que o Concello pagará 5 céntimos máis polos seus tickets; o alumnado universitario pagará 0,67 euros, a tarifa social queda fixada en 0,69 euros e as persoas usuarias de cadeiras de rodas e acompañante seguirán viaxando de xeito gratuíto.