Escoitar

O Pleno pide á Xunta que autorice o traslado da escola infantil Santa Marta ao Ceip Ramón y Cajal

A moción socialista, aprobada coa abstención do Grupo mixto e o voto en contra de PP e do concelleiro non adscrito, insta ao goberno autonómico a atender as necesidades da cidade autorizando o traslado para habilitar unha escola infantil permanente para alumnado de 0 a 3 anos nese centro educativo, dada a necesidade xurdida co desenvolvemento das obras do Barrio do Cura.

mércores, 24 feb 2021

O edil de Educación, Gorka Gómez, explicou que o Ceip Ramón y Cajal dispón de diferentes espazos sen uso, duplicidade de aulas e aulas infrautilizadas polo que “reúne as condicións necesarias” para o traslado e para o establecemento dunha escola infantil municipal de xeito permanente, asumindo o Concello as adecuacións necesarias para poñer en marcha ese novo equipamento educativo.

Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, criticou a “actuación improvisada e neglixente” do goberno municipal que non tiña previsto o traslado e que “transfire o custo político da súa irresponsabilidade a outra administración”. Rubén Pérez Correa, voceiro do Grupo mixto, sinalou que hai “fácil solución” ao problema xa que, segundo o acordo do ano 2018, o promotor do Barrio do Cura “non pode mover un ladrillo ata ter a escola infantil feita” dado que se comprometeu a construír a escola infantil de forma simultánea ao outorgamento das licenzas de construción. A concelleira popular, Teresa Egerique expuxo que a escola infantil de Santa Marta é un “tema 100% competencia municipal, un problema creado por Abel Caballero que ten resolver Abel Caballero” e pediulle ao goberno local que “se poña as pilas” dado que “ninguén apoia a súa proposta” de trasladar a escola infantil.

O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, lembroulle a Teresa Egerique que “a competencia educativa é da Xunta de Galicia” e criticou que a delegada da Xunta de Galicia en Vigo negase o uso do espazo antes de coñecer o resultado do informe técnico de Inspección Educativa, un informe que volveu reclamar á Xunta porque, de momento, “seguimos sen resposta”.

Fondos de recuperación

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo tamén aprobou este mércores, na súa sesión ordinaria do mes de febreiro, unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a iniciar consultas aos concellos para a presentación de proxectos aos efectos de poder concorrer aos fondos do Plan de Reconstrución, Transformación e Resiliencia.

A proposta saíu adiante cos votos a favor dos grupos socialistas e mixto, ademais do apoio do concelleiro non adscrito (o grupo municipal do PP abstívose). A concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar, destacou que o Concello de Vigo fixo fronte á crise sanitaria e e social derivada da pandemia exclusivamente con fondos municipais e sen recibir apoio da Xunta de Galicia, a pesar de que o Goberno central así o mandatou cos fondos extraordinarios Covid-19