Escoitar

A unanimidade do Pleno apoia as accións de conmemoración do 8 de marzo

A moción presentada polo grupo Mixto recibiu o aval do resto da Corporación municipal na reivindicación e visibilización da loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento en pé de igualdade cos homes na sociedade e no seu desenvolvemento integral como persoas.

mércores, 24 feb 2021

A edil Oriana Méndez defendeu o texto que saíu adiante por unanimidade no Pleno celebrado este mércores. A proposta solicita do Concello apoio para as accións que se desenvolven na reclamación do Día Internacional da Muller Traballadora, facilitando tódolos medios materiais e de difusión así como o cumprimento das medidas sanitarias hixiénicas dos actos que os colectivos feministas convocan con este motivo 8 de marzo e o izado da bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.

Tamén por unanimidade quedou aprobada a moción do grupo municipal do Partido Popular instando ao ministerio de Transición Ecolóxica e a Rede Eléctrica de España a incluír no período 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de transporte de 220 kilovoltios e á construción dunha nova subestación en Balaídos para atender a demanda industrial da cidade.

O voceiro popular, Alfonso Marnotes, expuxo que “Vigo é a única gran cidade española que non ten esa conexión, necesaria para garantir un subministro eléctrico fiable, estable e de calidade” para a industria e manifestou a súa crenza na posibilidade de reverter a situación e que se inclúa na planificación enerxética esta infraestrutura “esencial para evitar un factor que reduce a competitividade” da industria viguesa, nomeadamente da automoción.

O edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, estimou “difícil de aceptar” que o Goberno español pida unha alegación no proceso de exposición pública e reclama que o Concello de Vigo tamén alegue ao plan estatal. O voceiro do grupo Mixto, Rubén Pérez, criticou a política laboral de PSA Peugeot Citroen en Vigo mentres o voceiro socialista, Carlos López Font fixo unha proposta de cambio no texto, finalmente aprobado, para dar o apoio do seu grupo.