Escoitar

O Concello inicia a modificación do regulamento orgánico do Pleno

O regulamento orgánico de Pleno inicia a súa adaptación lexislativa unha vez aprobado inicialmente na sesión desta mañá. Tal e como defendeu Carlos López Font, o obxectivo é conseguir un funcionamento plenario máis áxil e garantista.

mércores, 24 feb 2021

 


Vigo, 24 de febreiro de 2020.– O goberno local iniciou esta mañá a adaptación lexislativa do regulamento orgánico do Pleno ás novas tecnoloxías para conseguir un funcionamento máis áxil e garantista. Así o explicou o voceiro socialista, Carlos López Font, durante un debate plenario que concluíu coa aprobación inicial dunha modificación que ten por obxectivo adecuar o texto ás previsións derivadas da Lei 39/2015. Ante esta situación, o edil defendeu que os regulamentos se confeccionan co intención de permanecer no tempo e non en función de intereses temporais ou de situacións políticas cambiantes. Insistiu en seguir co principio de lexitimidade democrática e a conseguinte representación proporcional en base aos resultados electorais obtidos, aqueles que deciden os cidadáns. Outro dos asuntos relevantes, segundo Font, é a adaptación deste marco ás novas tecnoloxías para facilitar o traballo de todos os corporativos no acceso libre á información, das copias dos expedientes ou soportes dixitalizados para a declaración de intereses.

Pola súa banda, os grupos da oposición rexeitaron a modificación por entender que se trata dun texto “con escasa calidade democrática”, segundo explicou o concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas. Desde Marea de Vigo, Rubén Pérez criticou que non se acepten intervencións cidadáns no Pleno, mentres que desde o PP, o seu voceiro, Alfonso Marnotes, acusou ao goberno local de modificar o regulamento para poder ter máis quendas de intervención nos debates plenarios.

Descargar todas as imaxes