O Pleno insta á Xunta a aportar 13 millóns nun plan de investimentos para o Porto de Vigo
A sesión ordinaria do mes de febreiro do Pleno Municipal aprobou unha moción do grupo municipal socialista no que se reclama á Xunta de Galicia un plan de investimentos no Porto de Vigo. Ademais, tamén recibiu o visto e prace outras dúas propostas socialistas para que o Goberno galego desbloquee os proxectos paralizados por Patrimonio e acepte a declaración de catro novas Áreas de Rehabilitación Integral na cidade.
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores, na súa sesión ordinaria do mes de febreiro, unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a realizar achegas por valor de polo menos 13,3 millóns de euros ao Porto de Vigo, a mesma cantidade que aportou o Ministerio de Fomento para o desenvolvemento de investimentos.
A proposta saíu adiante cos votos do PSOE e do grupo mixto, mentres que os concelleiros do PP votaron en contra e o concelleiro non adscrito abstívose. O voceiro socialista, Carlos López Font, reclamou que a Xunta atenda as necesidades de crecemento da Autoridade Portuaria e que concrete un plan de investimentos co mesmo valor do feito por Fomento.
Ademais, o grupo socialista rexeitou a emenda presentada polo concelleiro non adscrito na que solicitaba que en ningún caso o financiamento estivese adicado para recheos e que instaba á transferencia da competencia do Porto á Xunta de Galicia.
Patrimonio
Ademais, os votos socialista tamén aprobaron a moción defendida pola concelleira de Urbanismo, María José Caride, para solicitar á Xunta de Galicia que desbloquee as actuacións paralizadas polo departamento autonómico de Patrimonio e delegue as súas competencias no Concello de Vigo. Neste caso, os concelleiros do PP, do grupo mixto e o non adscrito votaron en conta da proposta.
Áreas de Rehabilitación
Tamén aprobouse, con votos favorables de PSOE, grupo mixto e concelleiro non adscrito (o PP abstívose), a petición ao Goberno galego para que declare de forma urxente as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) para os grupos de Beiramar, Espiñeiro-Enrique Lorenzo, San Pablo e Emilio Pardo Bazán-San Roque.