O TSXG valida a adxudicación do contrato da Xestión de Estacionamento Regulado
A contratación da Xestión de Estacionamento Regulado (XER), aprobada pola Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo en decembro de 2017, levouse a cabo correctamente e cumprindo as esixencias establecidas no Prego de Prescricións Técnicas. Así o avala o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentencia na que desestima o recurso dunha das empresas participantes no concurso público.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes de que o a sala segunda do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXG) desestimou a demanda interposta por Setex Aparki S.A. contra a adxudicación do contrato de Xestión de Estacionamento Regulado (XER) na vía pública mediante parquímetros.
Segundo explicou, a sentencia valida en todos os seus extremos a resolución do Tribunal Central de Recursos Contractuais, de data 3 de abril de 2018, así como o acordo de 26 de decembro de 2017 da Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo pola que se adxudicou o contrato de estacionamento a Dornier S.A.
O fallo do Alto Tribunal acepta a argumentación do Tribunal de Recursos e sinala que a oferta técnica da empresa gañadora si gardaba concordancia coa documentación contida no Plan Económico de Financiamento, así como a esixencia establecida no Prego de Prescricións Técnicas.
Abel Caballero lamentou a postura do grupo municipal de Marea de Vigo, que presentara un escrito no Tribunal Superior acusando ao Concello de non remitir o expediente administrativo completo. O alcalde sinalou que o Concello demostrou que se trataba dunha “falsidade” coa presentación de alegacións.