O Concello reclama á Xunta unha resposta á petición de apertura dunha escola infantil no Picacho
O alcalde expuxo este martes en rolda de prensa que o goberno autonómico segue sen responder á proposta municipal de abrir unha nova escola infantil permanente no Ceip Ramón y Cajal que é "compatible" co uso actual do espazo do centro.
Segundo explicou Caballero, o Ceip Ramón y Cajal ten capacidade para acoller 225 alumnos, tendo 114 prazas ocupadas nestes momentos. No tocante ás aulas habilitadas, das 22 totais das que dispón o centro está utilizando 16: 3 para educación Infantil, 6 para educación Primaria e 7 para especialidades: inglés, audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, relixión católica, relixión evangélica, música e orientación, polo que "aínda lle quedan 6 aulas libres, que son as que o Concello precisa".
Tendo en conta estes datos, para o rexedor a proposta municipal "é compatible coa utilización de tódalas aulas que están empregando nestes momentos polo que esperamos o informe da Xunta de Galicia, que decidirá como se leva adiante a escola infantil."