García Barbón conectará con Vía Norte con dous ascensores en forma de miradoiro
O proxecto gañador do concurso de ideas inclúe dous ascensores e prevé un novo miradoiro na conexión con Vía Norte. Trátase, en verbas do rexedor, dunha “escultura cun deseño excepcional” que estará operativo nun prazo estimado de dous anos e que conta cun orzamento de 7,2 millóns.
O gañador do concurso de ideas para deseñar o ascensor de García Barbón foi a proposta presentada como HALO, un proxecto dunha “estética extraordinaria, unha escultura cun deseño excepcional” que conseguiu o aval unánime de todos os membros do xurado. Os responsables desta idea son o equipo Arenas y Asociados, Ingeniería de Diseño, en colaboración con: [AM]² (estudio vigués) e Noarq (estudio de arquitectura de José Carlos Nunes de Oliveira, ubicado en Oporto, que forma parte do equipo de Álvaro Siza, Premio Pritzker de Arquitectura. O deseño prevé dous ascensores o que supón, dixo o alcalde, menor tempo de espera, ademais da garantía de que un destes elevadores sempre vai estar operativo. O “halo”, proseguiu, é un novo gran miradoiro na cidade que conectará coa estación do AVE e con Vía norte cunha estrutura aberta e outra pechada. Este “excepcional” proxecto, duns 45 metros de altura, “coloca a Vigo no máis importante nivel do mundo en ascensores ao aire libre, de uso cidadán”.
Durante a rolda de prensa, Caballero deulle as grazas ao tribunal, presidido pola tenente de alcalde, María Xosé Caride, que contou tamén coa participación de técnicos municipais, técnicos da Deputación, un representante de Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, un representante da Axencia Galega de Infraestruturas, dous membros dos colexios profesionais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. O obxectivo do concurso de ideas era analizar e propor unha solución de acceso que permitira mellorar a mobilidade transversal entre a zona de García Barbón e Vía norte, tendo en conta a necesidade de abrir un corredor con maior accesibilidade peonil.
O gañador, ademais de recibir 70.000 euros, redactará o proxecto e será o responsable da dirección facultativa das obras. O prazo para a construcción desta infraestructura -que conta cun orzamento de 7,2 millóns – é de dous anos a partir deste momento, tendo en conta que o tempo estimado para a redacción e execución do proxecto é de 6 meses e o de licitación e execución, doutros seis. O prazo previsto de obras é dun ano, calculou o rexedor.
Tal e como decidiu o xurado, o segundo clasificado foi ADITUS 7.500, asinado por Fhecor Ingenieros Consultores SA e o terceiro, MADEIRA POLAS NUBES, está encabezado por Abalo Alonso Arquitectos, en colaboración con Mecanismo Diseño y Cálculo de Estructuras SL.