Escoitar

O Concello reformará catro campos de fútbol no verán para non afectar á actividade deportiva

Son os terreos de xogo do Vao, da Guía, Santa Mariña e Fragoselo, onde o goberno de Vigo investirá 1,7 millóns, segundo cifrou Abel Caballero este luns. A renovación do céspede e da iluminación do campo do Vao acaba de saír a licitación pública, por importe de 642.000 euros.

luns, 22 feb 2021

O Concello agardará á finalización da temporada deportiva para acometer as remodelacións dos campos de fútbol do Vao, da Guía, Santa Mariña e Fragoselo, que presentan un orzamento de 1,7 millóns de euros, e non interferir así coa actividade dos clubs.

Anunciouno este luns Abel Caballero en rolda de prensa, na que informou que a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado venres o expediente de contratación para renovar o céspede de herba natural e a instalación do alumeado no campo de fútbol do Vao, sede do Coruxo FC, que compite no grupo I da Segunda División B. O trámite supón a saída a licitación pública do contrato que presenta un “orzamento elevado” de 642.000 euros, indicou o rexedor. Os traballos contemplan a mellora do drenaxe do terreo de xogo, da rede de rego e das canalizacións de alumeado, ademais da instalación do novo céspede de herba artificial e do novo sistema de luz LED.

Na súa intervención, Caballero indicou que o Concello actúa en máis de corenta campos de fútbol, tanto municipais como en apoios aos de titularidade privada, cun investimento total que supera os sete millóns de euros. Entre os últimos realizados, o alcalde citou os de Navia, Candeán, Meixoeiro, A Bouza, Bouzas, Sárdoma, San Andrés de Comesaña, Samil, Valadares, San Miguel, Monte da Mina e a ETEA. Por outra banda, o goberno vigués proxecta máis melloras nos terreos de xogo de Samil e do Carballal, en ambos casos segundas fases.