Escoitar

O Concello aproba un investimento de 525.000 euros na limpeza de fincas con risco de incendios

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo deu este venres o visto e prace ao contrato de limpeza de biomasa vexetal en fincas con risco de incendios, na faixa secundaria. O investimento elévase ata os 525.000 euros para dúas anualidades.

venres, 19 feb 2021

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que a Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de adxudicación no expediente de contratación do servizo de roce de limpeza de biomasa vexetal en fincas con risco de incendios. O importe do contrato é de 525.000 euros, repartido en dúas anualidades de 300.000 euros (ano 2021) e 225.000 euros (ano 2022).

“O Concello asume así a limpeza das faixas secundarias despois de que a Xunta non asumise as súas competencias e delegase os traballos nos concellos”, sinalou o alcalde durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. O pasado mes de decembro o Concello ya empezou a rozar parcelas da rede de faixas secundarias de forma subsidiaria pola inacción dos propietarios. Os traballos comezaron en Sárdoma, Alcabre e Lavadores

Segundo indicou o alcalde, das 34.083 parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, máis de 31.000 son rústicas e máis de 2.000, urbanas. Destas, 11.580 cumpriron coa limpeza ordinaria e xa están rozadas. O resto dos propietarios de 22.503 parcelas foron informados da súa obriga de mantelas limpas: 11.597 notificados por vía postal e 10.906 a través do BOE e do DOG.