O alcalde destaca o peso da automoción e o naval de Vigo no comercio exterior
Abel Caballero trasladou este luns a súa “satisfacción polo importante relanzamento da exportación” o ano pasado, “como unha parte tan importante da economía, con interese para Vigo, para Galicia e España”.
Logo de coñecérense os datos relativos ao comercio exterior do ano 2020, o rexedor sitúa a Vigo e o resto da provincia de Pontevedra no “rango do importante para España. Estamos competindo como cuarta zona exportadora española”.
Segundo o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o pasado ano 2020 batéronse aquí as marcas de exportacións desde que hai rexistros, cun movemento de mercadorías por valor de 10.856 millóns de euros, a cifra máis alta desde 1995.
Abel Caballero apuntou que o pasado ano a automoción foi o sector que máis incrementou as súas vendas ao estranxeiro, un 33%, seguido do naval, cunha suba do 34%, e da conserva cun 20% situándose Vigo e o resto da provincia Pontevedra no quinto lugar de España en exportacións por detrás de Barcelona, Madrid, Valencia e Zaragoza. Do resto de Galicia, as caídas no comercio exterior situáronse entre o 10 e o 21% en A Coruña, Lugo e Ourense. Amais, no mes de decembro de 2020, Vigo e a provincia de Pontevedra foron os cuartos en exportacións de toda España.