Escoitar

Rodrigo Romaní, Premio Laxeiro 2021

O alcalde, en calidade de presidente da Fundación Laxeiro, destacou este martes a traxectoria de Rodrigo Romaní "digno merecedor deste premio" e referiuse ó seu labor na cidade ao longo dos últimos vinte anos que o sitúan como "vigués destacado".

martes, 23 feb 2021
Abel Caballero con membros do Padroado da Fundación Laxeiro anunciando o galardón
Abel Caballero con membros do Padroado da Fundación Laxeiro anunciando o galardón

O padroado da Fundación Laxeiro deu a coñecer esta mañá a concesión do Premio Laxeiro 2021 a Rodrigo Romaní, por unanimidade, en recoñecemento a toda una vida dedicada á renovación da música tradicional galega, como membro fundador do grupo Milladoiro, como un dos introdutores del arpa céltica en Galicia e impulsor de proxectos así como por ser o impulsor da Orquestra SonDeSeu e como docente no Conservatorio de Música tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Abel Caballero, como presidente da Fundación Laxeiro, puxo en valor a traxectoria da Rodrigo Romaní como "expoñente excepcional da música na súa forma de entender unha revolución dentro da música tradicional galega". Expuxo o alcalde que, desde as súas etapas máis novas, Rodrigo Romaní, entendía a música como fusión e conectou a tradicional galega coas novas tendencias e formas, introduciu a arpa céltica na música galega e foi un dos fundadores de Milladoiro. Unha traxectoria, dixo, que o fai "digno merecedor deste premio".

Amais, Caballero salientou o labor de Romaní na cidade nos últimos 20 anos: "a súa presenza en Vigo fai del un vigués destacado, a través de Sondeseu, a través da E-Trad, onde foi quen de incorporar milleiros de mozos e mozas que fan da música tradicional galega unha forma de sensibilidade". Considera "un gran acerto" a concesión do Premio Laxeiro 2021 pola "dimensión humana de Rodrigo Romaní; home cercano, de diálogo fácil, cunha forma de entender e transmitir a cultura".

O alcalde felicitou o labor da Fundación Laxeiro e do seu Padroado a quen alentou para "seguir honrando a memoria do grande Laxeiro, un dos grandes pintores europeos do século XX. Temos que facer que no resto de España e Europa coñezan este artista universal. Canto máis tempo pasa polas súas obras, máis excepcionais son".

Descargar todas as imaxes