Escoitar

Un informe externo cualifica como boa a situación financeira do Concello de Vigo

O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, presentoulle ao pleno da corporación municipal o informe elaborado pola empresa Fitch Ratings España sobre o estado das finanzas do Concello de Vigo. Nese informe cualifícase como boa e estable a execución presupostaria e como moderado o grao de endebedamento da institución.

venres, 6 xuñ 2003
Fitch Rating é unha empresa internacional que analiza as contas de institucións públicas e privadas de toda Europa. No estudio realizado sobre o concello vigués indica que "a dinámica presupostaria de Vigo foi boa e a administración rexistrou nos últimos cinco anos unha media de superavit presupostario do 8,9% dos ingresos correntes". Asemade afirma que "o municipio ten certa marxe de acción para incrementar ingresos, debido a que as taxas que aplica aos impostos locais non acadan o máximo permitido pola lei".

Respecto ao índice de endebedamento do Concello, a auditoría salienta que "se foi reducindo ano a ano e a finais de 2002 representaba o 73,3% dos ingresos correntes cando en 1998 chegaba ao 107,5%". A reducción foi tamén importante en términos absolutos, un 17,3%.