Escoitar

A Corporación pide ao Goberno central que inclúa 20 millóns de euros nos orzamentos para as obras do AVE a Vigo

O Pleno decidiu tamén solicitar ao Goberno do Estado a Derrogación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local para "devolver urxentemente ás Entidades Locais as competencias en materia de prestación dos servizos sociais e de promoción da reinserción social", nunha moción presentada polo grupo socialista que contou coa abstención do PP e de Marea de Vigo. <br />

luns, 30 nov 2015
Con 17 votos a favor, os do grupo socialista, e 9 abstencións, as do Grupo Municipal do Partido Popular e o Grupo Marea de Vigo, quedou aprobada no Pleno a moción pola que se insta ao Goberno Central a incluír unha modificación na partida que corresponde nos Orzamentos Xerais do Estado de 2016, incorporando 20 millóns de euros para o proxecto do trazado do tren de alta velocidade na coñecida como variante de Cerdedo, que discorre entre O Carballiño e o norte da cidade de Pontevedra. Esta variante permitirá substituír o actual percorrido que conecta Ourense con Vigo pola beira do Miño, inaugurado en 1881. O voceiro socialista, Carlos Font expuxo que na reunión mantida en xullo deste ano entre o alcalde e Ana Pastor, a ministra de Fomento comprometeuse a iniciar as obras para a conexión de AVE Madrid-Vigo en 2017, polo que se demanda a ampliación do importe contemplado nos Orzamentos do Estado, de 1,3 millóns de euros, por consideralos "moi insuficientes" para o inicio do proxecto da obra.


Solicitude de derrogación da LRSAL
O Pleno deu luz verde, cos votos negativos do PP e o apoio da Marea de Vigo, á moción socialista para a derrogación da LRSAL pola que se pide ao Goberno de España a derrogación da lei 27/2013 de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local e que, namentres, se comprometa a tramitar, de forma inmediata unha modificación lexislativa que devolva urxentemente ás Entidades Locais as competencias en materia de prestación dos servizos sociais e de promoción e resinserción social, reafirmando a autonomía municipal constitucionalmente garantida na Constitución, para tomar decisións en todos os ámbitos da vida cidadá sen prexuízo da necesaria coordinación de competencias entre administracións, baixo os principios de calidade do servizo, proximidade e subsidiariedade.

O concelleiro Carlos Font criticou que a norma é un ataque ao municipalismo e que, no caso de que entre en vigor o 1 de xaneiro de 2016, cederá competencias dos servizos sociais municipais ás Comunidades Autónomas e afectará a máis de 8 millóns e medio de cidadáns en toda España poñendo en perigo "os comedores escolares, os servizos de axuda no fogar, a teleasistencia, o albergue ou as escolas infantís".