Escoitar

Declaración institucional polo 25-N

Este luns, o Pleno da Corporación de Vigo comezou coa lectura a cargo de Rosa Chantada, en representación do Consello Municipal da Muller, dunha declaración institucional por mor do 25-N, Día internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres, baixo o epígrafe "Somos quen de deter a violencia machista"<br />

luns, 30 nov 2015
"Queremos transmitir este 25 de novembro unha mensaxe de esperanza, de optimismo, aínda que as cifras nos amosen o contrario, queremos berrar alto e claro que si, que somos quen de deter a violencia machista entre todas e todos, porque nesta loita precisamos implicarmos e arrastrar a todas as administracións, institución, asociacións, grupos e a toda a cidadanía en xeral.

Dende o CMM denunciamos os feminicidios dun xeito contundente e instamos a todas as institucións e forzas políticas da nosa cidade a tomar medidas reais para parar os asasinatos ou calquera tipo de violencia contra as mulleres. Medidas que vaian dende a protexer a integridade física ata a seguridade económica e para iso precisamos dunha coordinacións de todas as institucións xa que consideramos que a violencia contra as mulleres é un problema de estado.

Queremos unha sociedade xusta e igualitaria. Queremos eliminar calquera tipo de violencia física, sexual, psicolóxica, laboral, mediática, económica. Queremos eliminar o control, os abusos, as ameazas, a discriminación. Queremos deixar claro que a violencia contra as mulleres non é nada natural, non é inevitable é o froito de relacións de poder baseadas no xénero.

Existe un alto grao de violencia por parte dos adolescentes cara ás adolescentes, situándose como o primeiro motivo de delito, sabemos que canta máis igualdade na educación menos violencia.

Non podemos tolerar ningunha expresión de machismo nas súas diferentes formas, nin desprezo, nin discriminación, nin chistes, nin asignación de roles estereotipados por sexos, nin invisibilizacións das nenas e mulleres. Queremos eliminar os micromachismos e non podemos esquecernos dos fillos e fillas das mulleres maltratadas, que son vítimas secundarias ou directas da violencia contra as mulleres.

Esiximos aos medios de comunicación que eliminen os tratamentos misóxinos, cargados de sexismo nas noticias dos feminicidios porque recrearse nos detalles escabrosos só serve para alimentar o morbo. Entendemos que as informacións sobre a violencia contra as mulleres teñen que abordarse como un delito, produto da cultura patriarcal e non xustificando e victimizando ao victimario, mentres que, moitas veces, culpabilizan as vítimas.

As mulleres sufrimos violencia en todos os ámbitos das nosas vidas só polo feito de sermos mulleres: nas relacións familiares, nas relacións sociais, nas relacións laborais, nas relacións de parella, na escola, nas organizacións, nas rúas, nos transportes ... Non podemos seguir así. Sabemos que para erradicar a violencia contra as mulleres só temos que acadar a igualdade e loitaremos todos os días para conseguila. Convidámoste a loitar con nós porque entre todas e todos 'Somos quen de deter a violencia machista'".