Escoitar

Vigo, con 19 días de media, é o concello galego que antes paga aos provedores

O Concello abonou as súas facturas no terceiro trimestre do ano nun prazo medio de 19 días, segundo se desprende do informe trimestral de Tesourería que pasou este luns polo Pleno da Corporación Municipal. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que este dato sitúa a Vigo á cabeza das cidades galegas e entre as mellores de España. O concelleiro salientou asemade que as 2.303 operacións efectuadas foron abonadas en prazo e sen xuros de demora.

luns, 30 nov 2015
No tocante a pago a provedores, o Concello de Vigo rexistra o mellor dato das cidades de Galicia e sitúase entre as mellores de España, con 19 días de media, moi por debaixo do prazo legal. Así indicouno este luns o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, na presentación ante o Pleno do informe de Tesourería correspondente ao terceiro trimestre de 2015.

Aneiros asegurou na sesión plenaria que ningunha das 2.303 operacións efectuadas polo Concello neste período foi pagada fóra de prazo e con xuros de demora, o que converte ao concello vigués nun "referente" no cumprimento da normativa de pago a provedores, o mellor entre as cidades galegas e entre as destacadas no Estado.

Os grupos da oposición municipal, tanto a Marea de Vigo como o Partido Popular, aseguraron durante as súas intervencións que os datos son "sensiblemente bos", en verbas do voceiro da primeira formación, Rubén Pérez, corroborado pola representante da segunda, Elena Muñoz, quen afirmou que "ninguén o dubida, os prazos de pago son bos". Pérez reclamou do goberno de Vigo que a liña de período de pago sexa "descendente" de cara ao futuro, mentres que Muñoz falou de "triunfalismo" municipal.

Orzamento
O Pleno da Corporación deste luns debateu tamén sobre o estado de execución, a 30 de setembro, das contas do Concello para este ano. Aneiros asegurou que a evolución é favorable nos distintos capítulos orzamentarios, tanto no apartado de ingresos como de gastos, cunha execución do 60% sobre o total. Marea de Vigo manifestou dúbidas sobre a posibilidade de chegar ao 100% de execución no último trimestre e solicitou celeridade en programas como o plan de emprego municipal e as axudas no fogar. O PP, pola súa banda, reclamou dilixencia en todas as partidas e singularizou as do emprego xuvenil e o estadio municipal de Balaídos. O goberno de Vigo afirmou que o nivel de execución deste ano é similar ao do exercicio de 2014 a estas alturas, ano que se pechou cun 99,8% de execución e cifra que confían en acadar ou incluso superar neste ano.