Escoitar

O Pleno solicita ao Ministerio de Sanidade a inclusión da vacina da Meninxite B no calendario de vacinación

A sesión plenaria celebrada este luns 30 de novembro acordou por unanimidade solicitar a incorporación desta vacina de xeito universal e gratuíto no calendario ao Ministerio de Sanidade. Tamén por unanimidade a Corporación solicita ao Goberno de España dunha tributación xusta para as rendas dos emigrantes retornados polo que a Axencia Tributaria debe asumir as sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza que eximen ás rendas alemás de devolver as cantidades cobradas e pídese tamén que se retornen as sancións e recargos aplicados inxustamente e que os pensionistas non reclamaron.

luns, 30 nov 2015
Coa unanimidade do Pleno quedou aprobada hoxe a moción do Grupo Municipal Socialista na que se reclama ao Goberno do Estado e ao Ministerio de Sanidade que adopte os acordos necesarios para que a vacina da Meninxite B sexa incluída de xeito inmediato no calendario de vacinación e, no caso de que o Ministerio de Sanidade non acepte esta inclusión inmediata da vacina, insta á Xunta de Galicia a que instaure unha nova experiencia piloto coa implantación da vacina.

A moción presentada por Cayetano Rodríguez recolle as demandas do colectivo "Plataforma de cidadáns pola Saúde – Vacina XA" que se está mobilizando para lembrarlle aos poderes públicos os seus deberes de protección coa cidadanía e, en especial, na protección da saúde e na prevención da enfermidade, polo que se solicita a introdución da vacina contra a Meninxite B de xeito universal e gratuíto para toda a cidadanía, tendo en conta que este ano morreron dúas persoas en Galicia, vítimas desta enfermidade. O Concello, que non ten competencias nesta materia, actúa neste caso como valedor desta causa cidadá ante o Goberno da Xunta de Galicia e o de España.

Acordo para a tributación xusta das pensións estranxeiras

A Corporación Municipal, por unanimidade, deu luz verde á proposta socialista de tributar de xeito apropiado a renda dos emigrantes retornados atendendo á orixe das mesmas e á súa connotación histórica, tendo en conta que son pensións estranxeiras que se xeran no exterior e reverten na economía nacional, por iso, o texto da moción do Grupo do PSdeG-PSOE defendida por Jaime Aneiros expón que a Axencia Tributaria debe asumir as sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza que dan como exentas as rendas procedentes de Alemaña e procedendo á devolución das cantidades recadadas por este concepto.

Así mesmo, na moción solicítase que estes pensionistas poidan recibir o borrador da declaración de Facenda con todos os ingresos a declarar, que se establezan os mecanismos para homologar as pensións de invalidez procedentes de países estranxeiros e que se recoñezan, de xeito automático, por parte da administración española. Tamén se demanda a devolución das sancións e recargos aplicados inxustamente que non foron reclamados polo emigrantes retornados. Este acordo será trasladado ao Goberno de España, ao Consello de Ministros e á Asociación Provincial de Emigrantes Retornados.