Escoitar

Caballero subliña que a Policía Local formou en autodefensa a 120 vítimas de violencia de xénero

A Policía Local de Vigo imparte cursos de autoprotección e defensa persoal a vítimas de violencia de xénero, e este xoves o alcalde fíxolles entrega de 12 diplomas pola formación completada. Ata o momento, un total de 120 mulleres recibiron este adestramento a cargo dos axentes.

xoves, 19 xuñ 2014
O alcalde de Vigo loubou a acción da sección específica da Policía Local de prevención e loita contra a violencia de xénero, que xa leva formado a 120 mulleres en autoprotección. Caballero asegurou que, ao remate do acto, as mulleres lle comentaron que a formación é "importante" para gañar "seguridade e autoestima", incluso para sair á rúa e facer vida normal.

Xunto a esto, Caballero recordou que o goberno de Vigo apoia a entidades que traballan contra a violencia machista, como a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, coa que o propio rexedor asinou o mes pasado un convenio de cooperación por valor de 13.500 euros.

Ademais, o Concello conta cunha rede de servizos e recursos específicos para as mulleres, como o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller, onde profesionais reciben as súas demandas e planifican un traballo directo con elas, e a Rede Municipal de Acollemento, formado polo Centro de Emerxencia -financiado desde Vigo para toda Galicia- e tres vivendas de protección para vítimas de violencia de xénero.