Inauguración exposición "A vila de Vigo no século XIX" na Casa Galega da Cultura
O martes, 18 de marzo, ás 19:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), a inauguración da mostra "A vila de Vigo no século XIX", integrada nos actos da Reconquista, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas.<br /> <br /> <br />
A exposición está comisariada por Patricia González Iglesias, formada como deseñadora de moda e patronista-escaladora. Crea o seu propio obradoiro de costura hai case 17 anos, onde investiga, deseña e confecciona artesanalmente traxes tradicionais, fundas para instrumentos a medida, vestidos para gaitas... Dende hai anos, é a profesora responsable do curso de costura tradicional da Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, así como do asesoramento e confección do vestiario da representación da Festa da Reconquista da Vila de Vigo. Posuidora de diversas distincións, tales como Certame de Xóvenes Deseñadores de Camariñas, Certame de Promoción da Moda Vigoferia e Mostra de Novos Creadores de Moda da Xunta de Galicia, ten tamén participado en conferencias e exposicións (A Reconquista de Vigo no Museo Quiñones de León, Mostra do Traxe Tradicional Galego no Casco Vello do Concello de Vigo, etc.).
Un traxe non é simplemente un anaco de tea sen sentido, ten unha función práctica e estética que sería difícil de entender nunha exposición se non se sitúa nun escenario, nun contexto. Nesta exposición, os encargados de trasladarnos ao Vigo de 1809 é o alumnado de Escenografía da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A titulación de Escenografía implantouse por primeira vez en Galicia no curso 2009-2010. Este ano fornecerá ao país dos seus primeiros egresados, profesionais da plástica escénica, do discurso dramatúrxico elaborado a través da luz, do deseño de espazos, da caracterización, da indumentaria...
Cando os franceses ocuparon Vigo en 1809 atoparon unha vila de pouco máis de 2.000 veciños, que se movía a cabalo entre o nacemento da vida urbana e a vida rural, encerrada por unha muralla con seis portas que comunicaban, durante o día, os seus habitantes coa veciñanza de barrios como os do Berbés, O Areal, Salgueiral ou A Falperra que quedaban fóra das murallas. Os fogares eran reflexo da pobreza na que se vivía; non tiñan electricidade, nin auga corrente, nin rede de sumidoiros. Iluminábanse con farois e a auga había que ir buscala á fonte, traballo que facían as mulleres transportándoa en sellas nas súas cabezas. Polas reviradas, estreitas e empinadas rúas da cidade desenvolvían as súas vidas os homes e mulleres da vila, adicándose aos diferentes gremios. Os gremios dos ferreiros, dos sombreireiros (do que aínda se conserva o nome da rúa), dos prateiros, dos cesteiros, dos telleiros, etc, e o gremio do mar que se desenvolvía principalmente nos barrios extra muros do Berbés e do Areal. Por esta época xa se asentaran en Vigo algunhas familias catalás para adicarse á conserva da salga do peixe. A súa chegada fai que se introduzan produtos foráneos, entre eles teas industriais que empezarán a mudar a nosa indumentaria.
Nas rúas mesturábanse roupas con feituras habituais na zona confeccionadas con tecidos de tear artesanal e roupas da mesma feitura pero de tecidos industriais foráneos (algodóns, rasos, etc.). Comézanse a ver saias, pantalóns, etc. feitas con estas novas teas mais lixeiras, estampadas e con máis colorido. Ao mesmo tempo introdúcense pezas novas traídas de fóra (chaquetas, pantalóns longos, etc.).
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 14 de abril, e contará con horarios de apertura especiais os días 28, 29 e 30 de marzo (de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h).
Descargar todas as imaxes