Escoitar

Vigo acolle esta fin de semana o 50 Concurso Exposición Internacional da Camelia

O Concello de Vigo organiza o 50 Concurso Exposición Internacional da Camelia, que terá lugar os días 15,16 e 17 de marzo nas instalacións do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo. A esta exposición-concurso preséntanse flores pertencentes a calquera especie e variedade da camelia así como calquera híbrido destas.<br />

venres, 14 mar 2014
1394539964camelia.jpg
A exposición inaugurarase o sábado 15 de marzo ás 17: 30 coa lectura do dictame do xurado do concurso, no que se inclúen diferentes galardóns. Así, a "Camelia de Ouro" premiará o concursante máis destacado en todo o conxunto de variedades que presentase. O premio especial "Antonio Odriozola" outorgarase á flor individual máis destacada e que será exposta nunha mesa especial. Cada concursante poderá presentar un máximo de cinco modalidades, achegando unha soa flor de cada unha delas.

Tamén haberá premios para os mellores lotes de cada unha das variedades, nas que se inclúen diferentes tipos de camelias xapónicas, reticuladas e híbridas, ademais doutras especies de camelia sen diferenciación de cores. Así mesmo, serás galardoadas as mellores presentacións artísticas das flores, soas ou acompañadas doutros obxectos e elementos decorativos.

Por outra parte, a exposición contará cun concurso de escaparates, no que se valorarán a creatividade, novidade e composición dos escaparates decorados con calquera variedade de camelia. Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais do termo municipal de Vigo que o desexen.

Establécese ademais un premio especial concedido pola Sociedade Española da Camelia ao concursante máis destacado dos que participen por primeira vez no certame organizado na cidade de Vigo, con independencia de que se presentase en calquera outra das sedes do concurso.
Descargar todas as imaxes