Escoitar

O Concello mantén prezos e incorpora o circo á programación do Auditorio Municipal

A tenente de alcalde, Carmela Silva, e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentaron este xoves os 18 espectáculos que acollerá o recinto desde o 4 de abril ao 1 de xuño. Para público infantil e adulto, o goberno local dúas funcións de circo ás habituais representacións teatrais, musicais, de danza e de maxia. Os abonos e entradas, á venda en taquilla, na Central de Espectáculos e en Servinova.

xoves, 13 mar 2014
1394716212cultura.JPG
Carmela Silva defendeu o "compromiso do goberno municipal coa cultura" cando a "inmensa maioría" das cidades efectúan recortes, o que non acontece en Vigo por ser "obxectivo prioritario" do goberno local e un "dereito" da cidadanía.

Cayetano Rodríguez -quen eloxiou o "traballo técnico excepcional" e felicitou aos profesionais da Concellería de Cultura- detallou que o programa da comezo o 4 de abril e rematará o 1 de xuño, un total de 18 espectáculos para público adulto, familiar e infantil que inclúe música, teatro, danza, maxia e, por primeira vez, dúas funcións de circo. O edil explicou que se mantén os prezos das entradas en xeral e tamén dos abonos, que permiten unha reducción do 15% para cinco funcións e do 25% para 10 espectáculos.

Unha vez máis, o goberno de Vigo celebrará o Día Internacional da Danza na fin de semana do 25 ao 27 de abril, organizando un festival galaico-portugués para público adulto e, con carácter familiar, a representación "Menú Vexetal" a cargo da compañía Produccións Artísticas.

O concelleiro recordou que esta programación se realiza en cooperacion co AGADIC, quen aporta 24.135 euros polos 50.000 euros -máis o espazo e medios materiais- que achega o Concello de Vigo. Outra das novidades que incorpora o goberno local será a entrega dunha ficha no vestíbulo do Auditorio Municipal ao públio asistente para coñcer a súa valoración dos actos, un "instrumento tremendamente valioso" para mellorar de cara ao futuro.

Cayetano Rodríguez adiantou unha novidade para o segundo semestre do 2014, cuxa programación está a ultimarse: "por primeira vez, Vigo incorpórase ao programa Platea, en colaboración co Ministerio de Cultura", asegurou o concelleiro, o que fará posible que cheguen á cidade espectáculos de artes escénicas "de ámbito nacional".

A modo de balance da actividade deste recinto municipal, localizado na Praza do Rei, no pasado ano, Rodríguez apuntou que o auditorio do Concello acolleu 210 espectáculos ao longo do 2013, de promoción propia ou allea, e un total de 25.525 persoas.
Descargar todas as imaxes

Máis información