Escoitar

Exposición "Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo" na Fundación Laxeiro

Este venres, 14 de marzo, ás 20:00 h, a Fundación Laxeiro (r/ Policarpo Sanz, 15, 3º andar) inaugura a exposición "Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo", en colaboración coa Galería Montenegro, e que supón a segunda entrega do ciclo Os Novos.

venres, 14 mar 2014
1394806677arturo.jpg
Se en 2013, era Manuel Colmeiro quen inauguraba o ciclo, cunha selección de obras sobre papel de pequeno formato, pertencentes á súa primeira época, na que se mostraron por primeira vez, algunhas pezas inéditas, nesta ocasión, o artista elixido é Arturo Souto (Pontevedra, 1902 - México, 1964), un artista que desempeñará un papel importante na configuración do que se chamou a estética granítica, un concepto que serviu para definir a forma de pintar dos Renovadores no primeiro terzo do século XX e que tivo continuidade en anos posteriores de forma diferente en cada autor do devandito grupo.

A obra que se mostra nesta exposición, lonxe de consistir en bosquexos e debuxos preparatorios, como sucedeu coa exposición de Manuel Colmeiro antes mencionada, está formada por nove óleos sobre lenzo, datados entre 1930 e 1962. Trátase, por tanto, de obras moi destacadas dentro da traxectoria do artista, moitas delas profusamente documentadas en diversas publicacións que son xa parte da imaxe de marca deste singular pintor.

No seu conxunto, a exposición mostra as diversas liñas de traballo que caracterizan a obra de Souto. Formalmente, están presentes nestas pezas, a estética granítica, o tratamento da luz e a cor, as composicións complexas con primeiros planos e perspectivas en fuga, a combinación entre escenas de interior e de exterior nunha mesma obra e a esquematización das personaxes.

Dende un punto de vista temático, a soidade existencial, un certo estrañamento metafísico, a recreación de escenas exóticas e as súas características escenas de bordel, son temas que van construíndo, ao longo da súa traxectoria, un discurso persoal e cosmopolita que sitúan a súa pintura nas preocupacións da arte internacional da época, incluíndo ademais, a súa mestría co tratamento da paisaxe dende diferentes presupostos formais.

Por todo isto, a exposición supón unha boa ocasión de revisión ou descubrimento da obra dun dos artistas capitais na renovación da plástica galega do século XX, non demasiado coñecido polo gran público. Unha ocasión que é posible grazas á colaboración da Fundación Laxeiro coa galería Montenegro, quen cede a totalidade das pezas que conforman a exposición.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 21 de xuño.
Descargar todas as imaxes