Escoitar

O nivel de concienciación ambiental da cidadanía viguesa duplicouse desde o 2007

Abel Caballero e Luis Espada presentaron hoxe luns o novo traballo do Valedor do Cidadá, titulado "Hábitos de Consumo. Perspectiva comparada e estudo específico no municipio de Vigo". Hai seis anos, o nivel de concienciación ambiental era do 33,1% polo 65,8% actual, sendo superior o incremento nas mulleres que nos homes.

luns, 3 xuñ 2013
1370260867valedor.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Valedor do Cidadá, Luis Espada, presentaron este luns o novo libro do profesor sobre hábitos de consumo, que arroxa como principal conclusión un incremento da concienciación da cidadanía viguesa en materia ambiental.

Este traballo, realizado mediante enquisas, amosa que a poboación viguesa máis concienciada é a que vive en zona urbana, seguida pola rural e a semiurbana. Contrasta cos datos de 2007, onde eran os vigueses do rural os que máis se preocupaban polo entorno. No tocante aos xéneros, a concienciación é lixeiramente superior nas mulleres que nos homes e, por idades, os maiores atópanse máis sensibilizados -tendencia contraria á de hai seis anos-.

O estudo dirixido por Espada Recarey analiza 30 hábitos de consumo, rexistrando un incremento en 21 destes. Os máis significativos responden ao consumo responsable, de enerxía, de auga e á xeración de residuos. A cidadanía viguesa emprega maioritariamente luces de baixo consumo e fai un seguimento contínuo do seu gasto de auga, tamén suben os índices de concienciación en comportamentos como a entrega de aceites de cociña en puntos autorizados, a separación de residuos en orixe e no uso de produtos reciclados.
Descargar todas as imaxes