Escoitar

Caballero anima ao persoal da administración a participar no programa "Vacacións con Traballo"

O alcalde, Abel Caballero, participou este luns na rolda de presentación da oitava edición desta iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, representado polo seu secretario, Daniel González. A proposta procura un intercambio de coñecementos con Cabo Verde e Nicaragua. Vigo é o concello que máis cartos achega ao Fondo.

luns, 3 xuñ 2013
1370260813fondogalego.JPG
Abel Caballero avogou por "seguir tendo presencia" en "lugares que o precisan", neste caso en proxectos a desenvolver en Cabo Verde e en Nicaragua. A oitava edición de "Vacacións con Traballo" procura un intercambio de coñecementos e experiencias entre os traballadores das administracións que colaboran co Fondo e os socios destes dous países.

González explicou que este programa ten unha dobre dimensión, por unha parte sensibilizar aos galegos e que logo importen a súa experiencia vivida alí e, en segundo lugar, ofrecer os seus coñecementos profesionais nos proxectos a desenvolver nos países de destino, pois son estes os que solicitan os perfís técnicos prioritarios.

O representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade agradeceu ao Concello de Vigo que sempre fóra e continúe sendo a cidade que máis cartos aporta á devandita entidade, agradecendo tamén o traballo da concelleira de Política de Benestar e vicepresidenta do Fondo, Isaura Abelairas.
Descargar todas as imaxes