Escoitar

O Pleno solidarízase cos traballadores e esixe á Xunta medidas para manter a galeguidade e o emprego en Pescanova

A Corporación municipal de Vigo aprobou este luns unha declaración institucional de solidariedade cos traballadores de Pescanova e apoio ás eventuais mobilizacións que decidan levar a cabo en defensa dos seus empregos. O Pleno tamén reclamou á Xunta que adopte medidas para manter a galeguidade e os postos de traballo da multinacional.

luns, 27 mai 2013
O Pleno da Corporación de Vigo, en sesión ordinaria celebrada hoxe luns, aprobou por unanimidade unha declaración institucional sobre Pescanova, asinada polos tres grupos políticos con representación municipal.

O texto recorda que "neste momento, o futuro da compañía está no aire e os traballadores e traballadoras, moitos deles veciños do noso concello, ven perigar o seu posto de traballo, polo que xa teñen anunciado mobilizacións para as próximas semanas". A declaración incide no "grave problema que suporía para este concello e para toda Galiza o desmantelamento dunha empresa punteira como Pescanova", polo que resolve "solidarizarse cos traballadores e traballadoras de Pescanova e das súas filiais, e apoiar as mobilizacións que decidan levar a cabo na defensa dos seus postos de traballo".

O acordo institucional da Corporación solicita igualmente "dirixirse á Xunta de Galicia para pór en marcha medidas que sirvan para manter a galeguidade da empresa e os postos de traballo".