Escoitar

Concello, UNICEF, A Golpe de Pedal e Club Ciclista Vigués organizan a II Marcha Ciclista "Pedaleando pola Infancia"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este xoves na rolda de presentación deste evento, que se celebrará o 19 de maio ás 11 horas, con saída e chegada na Praza do Rei. Os participantes donarán un euro por cada dorsal e todos os fondos irán destinados as actividades de UNICEF en favor dos dereitos da infancia.

xoves, 16 mai 2013
1368718646unicef.JPG
O próximo domingo, as rúas de Vigo acollerán a II Marcha "Pedaleando pola Infancia" que organizan Concello de Vigo, o colectivo A Golpe de Pedal e o Club Ciclista Vigués. A proba, na que os participantes poderán doar un euro por número, sairá da Praza do Rei ás 11.00 h do domingo 19 de maio. Ademais, cada participante recibirá unha pulseira solidaria de UNICEF.

Esta é a segunda edición desta proba que pretende ser un momento lúdico de fomento da actividade física na que participan familias enteiras cun fin solidario: colaborar cos labores de protección á infancia que desenvolve UNICEF en máis de 150 países.

Na proba colaboran, ademais das citadas entidades, Froitas Neves e Gadis, que achegan o avituallamento que se lles facilitará aos participantes; e o Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima, de Vigo, que será o encargado da asistencia médica sanitaria dos participantes que poidan necesitala.

Pola súa banda, o concello de Vigo facilitará non só o seu apoio organizativo, senón que tamén o dispositivo de seguridade e de tráfico necesario para garantir o bo discorrer da marcha lúdico-benéfica. Para iso, participarán na proba efectivos da Policía Local e o Grupo de Voluntarios do Concello.

A marcha sairá ás 11 da mañá da Praza do Rei por Venezuela en dirección a Gran Vía. A continuación discorrerá polas rúas Lepanto, García Barbón, Isaac Peral, Areal, Colón, Policarpo Sanz, Paseo de Alfonso, Elduayen, Falperra, e Cachamuiña para rematar, novamente, na Praza do Rei.

O deporte é para UNICEF un valioso instrumento de educación en valores e para a paz, xa que fomenta o traballo en equipo, a solidariedade e o respecto. Entidades e recoñecidos deportistas colaboran con UNICEF para chamar a atención sobre os problemas da infancia e mobilizar recursos destinados a garantir os dereitos de todos os nenos.

As inscricións poderán formalizarse nas oficinas de UNICEF contactando vía correo electrónico (vigo@unicef.es) ou por teléfono (981.586.387), e o mesmo día da Marcha ciclista (a partir das 10:00 horas). O día da saída entregarase un número de UNICEF para os que realicen o donativo dun euro.
Descargar todas as imaxes