Escoitar

A Corporación da luz verde ao inicio dun plan de conservación e recuperación da Fortaleza do Castro

O Pleno aprobou por unanimidade unha moción do PP na que insta ao Concello de Vigo a iniciar un plan director para o monte do Castro, que inclúa a conservación e recuperación da Fortaleza de O Castro.

luns, 26 nov 2012
Todos os grupos políticos apoiaron na sesión plenaria desta mañá unha moción do Partido Popular na que se insta ao Concello de Vigo a que de forma urxente leve a cabo un plan de abastecemento de todo o recinto do monte do Castro. O mesmo texto solicita o inicio dun plan director do entorno, que inclúa a conservación e recuperación da Fortaleza do Castro, declarada como Ben de Interese Cultural.

Na mesma sesión plenaria e tamén por unanimidade, deuse luz verde a unha moción popular que instaba ao alcalde de Vigo ao cumprimento de todos os acordos plenarios. A terceira moción presentada polo PP tamén foi aprobada, neste caso cos votos a favor do BNG e a abstención do PSOE. Nesta ocasión, o voceiro popular, Chema Figueroa, foi o encargado de defender un texto no que instaba ao rexedor a cumprir, no prazo máis breve de tempo posible, o seu compromiso de construír 6.000 vivendas protexidas en Vigo ao amparo do vixente PXOM.