Escoitar

O Concello saca a concurso público seis parcelas para construír 166 vivendas protexidas

Abel Caballero informou hoxe venres da decisión municipal de allear seis parcelas municipais, mediante concurso público, para construír vivenda protexida. Os 6.200 metros cadrados de superficie están localizados en Praza Elíptica, Cambeses, Chantada, Rosalía de Castro e Villalaura.

venres, 23 nov 2012
1353675065abelcaballero.jpg
O Consello da Xerencia municipal de Urbanismo, celebrado este venres, acordou incoar procedemento para o alleamento para a construción de 166 vivendas protexidas de réxime xeral en seis parcelas do Patrimonio Municipal de Solo mediante concurso público.

Segundo explicou Abel Caballero ante os medios de comunicación, as parcelas superan os 6.200 metros cadrados de superficie e supoñen unha edificabilidade próxima aos 19.000 metros cadrados.

Urbanismo tamén acordou o alleamento de outras oito parcelas municipais por concurso público destinadas a erixir oito vivendas unifamiliares, en réxime libre. Tres dos terreos están en San Andrés de Comesaña, catro en Tomada-San Paio de Navia e o último na Avenida da Hispanidade. Desta volta, a superficie é de 2.200 metros cadrados para unha edificabilidade próxima aos 1.800 m2.

Coia
O alcalde de Vigo informou igualmente da decisión urbanística de iniciar a procedemento e elaborar a documentación previa para solicitar a declaración de Área de Rehabilitación Urbana dos espazos interiores do polígono de Coia, é dicir, a "modernización" de 502 vivendas de promoción pública dos anos 60 ubicadas nas rúas Bueu, Moaña, Vilagarcía e Camiño da Raposa.

Por outra banda, o Consello da Xerencia municipal de Urbanismo tamén tomou coñecemento da adxudicación por sorteo público das 28 vivendas municipais de protección en Navia, ao tempo que deu conta 21 licencias de obra e 6 de actividade tramitadas polo departamento, para un investimento total de 157.500 euros.
Descargar todas as imaxes