Escoitar

A concelleira de Economía cifra en 57 millóns de euros os remanentes de Tesourería

Raquel Díaz presentou este luns no Pleno da Corporacion o balance de execución do orzamento municipal de 2012 no primeiro semestre, que arroxa datos "contundentes" con 128 millóns executados, adxudicados ou comprometidos, 134 millóns en pagos efectuados e 57 millóns en aforro.

luns, 30 xul 2012
A concelleira de Economía e Facenda salientou que, dos 128 millóns comprometidos, 13 son para investimentos, 20 millóns para subvencións a entidades e outros 69 foron para prestación de servizos.

Raquel Díaz recordou que o Concello de Vigo presenta unha débeda sobre o orzamento total do 25% polo 60% en A Coruña, o 80% de Santiago, o 100% da Deputación de Pontevedra ou o 250% de Madrid. A edil apuntou ademais que o consistorio vigués efectúa os seus pagos nunha media de 34 días.

A voceira do BNG, Iolanda Veloso, indicou que "parte importante dos orzamentos xa están executados" e reclamou que o restante sirva para atender ao Casco Vello e á actividade cultural -singularmente a apertura do Centro Galego de Fotografía-. Polo PP, Miguel Fidalgo, censurou que o balance é "peor que o do ano pasado" no mesmo periodo, con menor porcentaxe executado, menos investimentos, menos pagos e remanentes.