Escoitar

Todos os grupos esixen a Novagalicia Banco a devolución dos cartos dos afectados polas preferentes

O Pleno da Corporación acordou por unanimidade reclamar á Xunta que apoie aos afectados polas preferentes dirixíndose á Novagalicia Banco para que se allane a demanda xudicial interposta pola Fiscalía Superior de Galicia.

luns, 30 xul 2012
Os tres grupos con representación municipal decidiron na sesión desta mañá apoiar aos afectados polo fraude das preferentes dirixíndose á Xunta de Galicia para que, a súa vez, interceda con Novagalicia Banco para que allane o demanda xudicial interposta pola Fiscalía Superior de Galicia. Na moción presentada polo grupo socialista e aprobada cunha emenda do BNG, abógase por obter unha sentenza xudicial vinculante no ordenamento xurídico español e comunitario, que obrigue á devolución do aforros aos afectados defraudados.

Por outra banda, os votos de nacionalistas e socialistas deron luz verde a outra moción socialista na que instan ao Goberno central a eliminar as medidas para que permitan unha austeridade xusta, que fomente o crecemento económico e que dea confianza ao pais fronte aos recortes sen xeito nin dereito que caracterizan ao Executivo. O texto aprobouse con voto en contra do PP e unha adenda do BNG na que se solicita unha reforma en profundidade baseada nunha reforma fiscal con criterios de progresividade, a imposición sobre os movementos do capital, así como unha reforma das administracións públicas baseadas na racionalidade, que comtemple a supresión das deputacións, a redución do gasto militar e da Casa Real.

Outro dos acordos alcanzados esta mañá pasa por instar á Xunta de Galicia a asinar de forma inmediata o convenio de prevención de drogodependencias así como a manter o mesmo finanzamento que no ano 2011. A moción defendida pola concelleira Isaura Abelairas, que contou co apoio do BNG e a abastención do PP, destacou a importancia desta aportación económica que no ano 2011 permitiu ao Concello de Vigo desenvolver 266 accións para 10.031 usuarios.