Escoitar

O Pleno reclama que Vigo forme parte da rede española de cidades intelixentes

A unanimidade dos grupos políticos con representación municipal respaldaron este luns no Pleno a moción do PP instando ao Concello a participar nun proxecto Smart City, que procura a eficiencia e a innovación nas distintas áreas operativas dunha cidade. A Corporación tamén acordou que o goberno local dote de servizos ao centro de día de Valadares e habilite un punto limpo na urbe.

luns, 30 abr 2012
O Pleno da Corporación de Vigo, en sesión ordinaria celebrada hoxe luns, acordou por unanimidade instar ao Concello de Vigo a que "faga unha análise das necesidades reais" da urbe nos seis eixos de actuación que propón a modelo Smart City.

Segundo estipula o texto aprobado, en España hai tres cidades con este sistema operativo e outras traballan na implementación dunha idea que procura a eficiencia e a innovación en áreas de goberno, da economía, a mobilidade, o medioambiente ou o turismo, entre outros aspectos.

A moción indica que, sumarse a un proxecto destas características, para Vigo podería supor un investimento de preto de 15 millóns de euros, dos que un 70% poden ser achegados pola Unión Europea.

Outros acordos
O plenario de hoxe tamén deu luz verde a unha moción presentada polo grupo popular reclamando ao Concello a executar as obras para dotar de servizos ao centro de día de Valadares, con capacidade para 80 usuarios. Por outra banda, a Corporación solicitou ao goberno local que habilite os terreos necesarios para poñer en marcha un "punto limpo" en algunha das oito ubicacións que reserva o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo ao efecto.