Escoitar

Música na Constitución con motivo do Día Internacional das Mulleres

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, o Consello Municipal da Muller de Vigo celebrará o vindeiro sábado 3 de marzo un encontro na praza da Constitución co obxectivo de gozar dunha xornada de convivencia e de reivindicación. Desde as 13:00 horas ás 19:00 horas, haberá actuacións musicais para todos os gustos.

venres, 2 mar 2012
1330693953consellomuller.JPG
Ás 13:00 horas actuará a banda "Unión Musical de Valladares", unha formación musical con máis de 100 anos de historia que acadou ao longo da súa traxectoria importantes galardóns. A súa escola de música conta, na actualidade, con máis de cen alumnos e alumnas.

A música na praza da Constitución seguirá pola tarde, a partir das 16:15 h. coa actuación de iRiAmc & Mariah!, dúas mozas galegas artistas do hip hop. Ás 16:30 h dará comezo a actuación do grupo de música tradicional "Arroutadas", composto por catro mozas viguesas, e as 17:30h actuará a cantante soul AYSHA. E para rematar, ás 18:00 h, AID, firme valor do rap, ofrecerá un concerto.

Os establecementos do Casco Vello sumaranse a esta xornada de convivencia coa colocación de lazos violeta que simbolizan a loita cara á igualdade e a fachada da Casa da Cultura e a farola tamén lucirán a imaxe desta campaña.
Descargar todas as imaxes