Escoitar

O alcalde revela unha resolución favorable do Tribunal Supremo sobre o Plan Xeral de Vigo

Segundo informou Caballero, o Tribunal Supremo desestimou un recurso de casación presentado contra unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, favorable ao PXOM vigués. Este xoves a Xerencia de Urbanismo deu conta desta e doutra resolución do TSXG ratificando a seguridade xurídica do Plan. O alcalde apuntou ademais que outra sentenza do Supremo avala a normativa municipal para a instalación de antenas de telefonía móbil.

xoves, 16 feb 2012
1329397439alcalde4.jpg
Tras informar destas dúas novas resolucións xudiciais que respaldan a seguridade xurídica do Plan Xeral de Ordenación Municipal -aprobado definitivamente en 2008-, Abel Caballero asegurou que "unha tras outras imos acumulando sentezas favorables" á normativa urbanística viguesa.

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo tamén deu conta da resolución do Supremo sobre instalación de antenas de telefonía móbil que "da a razón ao Concello" no tocante aos requisitos establecidos polo goberno local ao respecto, unha ordenanza que data de 2008.

Por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tamén ratificou a orde de derrubo dunha das naves de A Lagoa, polo que o Concello vigués ten un "mandato coercitivo" xudicial para demoler esta estrutura "ilegal". Segundo apuntou Caballero, os técnicos e os servizos xurídicos do Concello marcarán os pasos a seguir nesta cuestión, pero xa adiantou que a execución da sentenza será "inminente".

Licenzas
O alcalde de Vigo deu conta en rolda de prensa dos acordos adoptados na Xerencia de Urbanismo, reunión na que informouse da concesión de 16 licenzas de actividade e 27 de obras por un valor de inversión próximo aos tres millóns de euros.

Entre as concedidas, o socialista subliñou a concedida para un edificio de 24 vivendas na rúa Praia-Canido, "un gran edificio de vivendas" que amosa que "a actividade da construcción, lentamente, pero está a despegar en Vigo".
Descargar todas as imaxes