Escoitar

Presentación do libro "22 documentos do feminismo galego"

O 17 de marzo ás 19:00 h. terá lugar a presentación do libro "22 documentos do feminismo galego" no Centro de Documentación e Recursos Feministas. Acto organizado pola Fundación Galiza Sempre en colaboración coa concellería de Igualdade. No acto contarase coa presenza de Xabier Macías, director da Fundación Galiza Sempre; Vitoria Iglesias, Marcha Mundial das Mulleres e Iolanda Veloso, Concelleira de Igualdade.

mércores, 16 mar 2011
1300280293feminismo.jpg
Baixo o título: 22 documentos do feminismo galego, a Fundación Galiza Sempre ven de publicar un libro que recolle panfletos e manifestos do movemento feminista galego entre 1975 e 2003. Desde a Asociación Galega da Muller ata a Marcha Mundial das Mulleres o libro deixa constancia das principais campañas impulsadas no noso País polo movemento social a prol dos dereitos das mulleres, cunha énfase especial nos anos de construción do movemento nas décadas 70 e 80.

Os documentos agrúpanse en diferentes apartados contemplándose, en primeiro lugar, o empeño de ruptura co rol tradicionalmente asignado ás mulleres para abordar despois outros ámbitos do esforzo emancipador do feminismo: a sexualidade, o traballo dentro e fóra da casa, a necesaria independencia das mulleres ou a súa actuación cara á esfera política. En palabras dos editores, procurouse "abranguer os principais temas de actuación e reivindicación feminista do período, cunha escolma de textos ilustrativos das análises realizadas polas organizacións en iniciativas preferentemente conxuntas, unitarias".

As loitas polo dereito ao divorcio ou o aborto; contra o delito de adulterio; as demandas de emprego digno e do reparto igualitario das tarefas domésticas; a denuncia da violencia machista; a reivindicación dunha sexualidade libre ou da plena participación das mulleres son algúns dos temas abordados. A escolma dos documentos e os textos introdutorios de cada apartado foron realizados pola historiadora Isabel Rodríguez Mate a partir das fontes documentais da Fundación 10 de Marzo e, en especial, de Nanina Santos Castroviejo.
Descargar todas as imaxes