Escoitar

O Forum FISU e Mundial de Taekwondo Universitario, que se celebran en xuño e xullo, baten récord de participación

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciaron este mércores que no X Forum FISU, que se celebrará do 21 ao 26 de xuño, e no XI Mundial de Taekwondo Universitario, que terá lugar do 29 de xuño ao 4 de xullo, se superán os anteriores niveis de participación tanto no número de países como de participantes.

mércores, 5 mai 2010
1273061738FISU.JPG
Na presentación destes dous eventos tamén participaron o director do Servizo de Educación da FISU, Kolë Gjeloshaj, e o presidente da comisión técnica de Taekwondo de FISU, Ken Min, que felicitaron á organización pola súa implicación co deporte universitario, así como a vicerreitora de Extensión Universitaria, Carmen Cabeza.

"Son dous eventos moi importantes para esta cidade, que fomos quen de conseguir tras o noso primeiro contacto coa familia FISU e a sintonía entre o Concello e a Universidade de Vigo", subliñou o tenente de alcalde tras agradecer ao director do Servizo de Educación da FISU e o presidente da comisión técnica de Taekwondo de FISU a súa presenza na cidade e a Carmen Cabeza polo seu apoio dende o "inicio da carreira do deporte universitario". Santi Domínguez destacou a repercusión que estas dúas iniciativas terán para a cidade respecto á súa promoción e a potenciacion do deporte, "pero tamén no tocante ao retorno económico".

Respecto ao Forum FISU, Santi Domínguez explicou que terá lugar simultaneamente nos Centros Social e Cultural Caixanova, e no campus universitario baixo o a denominación "O deporte universitario, unha plataforma para o cambio". Indicou que as xornadas se desenvolverán en función de catro eixos fundamentais, os plans estratéxicos do deporte universitario, o liderado feminino neste eido, o seu recoñecemento académico e a importancia de concienciación medioambiental a través do deporte e a educación.

O tenente de alcalde sinalou que se agarda a participación de 75 países, dos que 59 xa formalizaron a súa inscrición, e que participarán arredor de 250 persoas, entre estudantes e membros das diferentes comunidades universitarias. Asemade, indicou que participarán 23 universidades españolas.

En canto á XI edición do Mundial de TaeKwondo Universitario, Santi Domínguez afirmou que será o pavillón das Travesas o que acollerá as probas do 29 de xuño ao 4 de xullo. Como novidade salientou que cada competidor poderá participar á vez en Kyorugi (taekwondo de combate) e en Poomse (taekwondo técnico), "polo que estamos falando de dos campionatos nun", asegurou.

Sobre os países participantes destacou que serán máis de 42, xa que a inscrición aínda non está pechada, e cerca de 400 deportistas, aos que haberá que engadir os adestradores e as delegacións oficiais de cada país, así como os árbitros e os acompañantes.

O director do servizo de educación da FISU, Kolë Gjeloshaj, comezou a súa intervención expresando os seus parabéns ao Concello de Vigo polo Premio Nacional do Deporte e posteriormente salientou que para Vigo é moi importante ter dous eventos como o Forum Fisu e o Mundial de TaeKwondo, que unen educación e deporte. Asegurou que Vigo xa conseguiu que a participación sexa máis alta que en anteriores edicións, polo que felicitou á organización polo seu traballo e implicación.

O presidente da comisión técnica de Taekwondo de FISU, Ken Min, tamén felicitou á organización e asegurou que Vigo será a cidade na que este evento terá unha maior repercusión e na que se celebrará o mellor campionato de taekwondo polo gran apoio prestado a este deporte. Expresou tamén a súa ledicia por estar en Vigo, cidade da que comentou as súas semellanzas con San Francisco, onde viviu durante case 40 anos.

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Carmen Cabeza, ao inicio da súa intervención expresou os seus parabéns a Santi Domínguez e Xabier Alonso polo Premio Nacional do Deporte, "como representante da Universidade de Vigo e como cidadá". Ademais, agradeceu a "inestimable colaboración da FISU" nesta etapa final da organanización dos dous eventos do deporte universitario, xa que asegurou que "sentimos que traballamos en equipo".

Carme Cabeza destacou que a través do deporte universitario se consolida un dos eixos fundamentais da Universidade de Vigo, como é a "internacionalización da educación mediante o deporte". Ao respecto subliñou que educación e deporte constitúen unha "alianza fundamental". Por outra banda, indicou que co Forum FISU e co Mundial de Taekwondo Universitario coincidirán dous eventos, como son unha xuntanza da Conferencia de Decanos das Facultades de Ciencias do Deporte e un curso de verán sobre a innovación no taekwondo.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, agradeceu ao equipo técnico da Universidade, Concello e Vide "polo esforzo e bo traballo" que fai posible os bos resultados dos eventos. Destacou dúas facetas fundamentais que caracterizan aos acontecementos deportivos, como a forte relación entre as diferentes institucións, neste caso entre Concello e Universidade, así como a interrelación entre distintas culturas.
Descargar todas as imaxes