venres, 7 maio 2010

Santi Domínguez anuncia que o Convention Bureu pecha o primeiro congreso internacional, que reunirá a 3.000 persoas

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este venres que o primeiro congreso internacional que organizará o Vigo Convention Bureau reunirá a máis de 3.000 persoas, que farán un gasto medio diario de 200 euros. Trátase do XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia e da XVIII edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrarán no IFEVI do 18 ao 21 de maio de 2011.

Medioambiente xa atendeu 55 peticións cidadás na campaña de 2010 de control da colonia de gaivotas

venres, 7 mai 2010

A concelleira socialista, Chus Lago, informou este venres da apertura da campaña de control da colonia de gaivotas deste ano, que retira ovos tanto a petición cidadá no 010 como de oficio, en zonas de nova expansión. O obxectivo municipal é rebaixar as molestias producidas á xente e, a longo prazo, rebaixar á metade o número de gaivotas. A edil solicitou a colaboración cidadá.

O tenente de alcalde anuncia no certame escolar que o Concello creará a primeira escola municipal de regueifa

venres, 7 mai 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este venres que o Concello de Vigo creará a primeira escola municipal de regueifa, en colaboración co Centro Cultural e Veciñal de Valadares. O nacionalista fixo este anuncio na quinta edición do Certame Escolar de Regueifas, cuxa final tivo hoxe lugar no CVC de Valadares e no que participaron máis de 400 estudantes de ESO de 8 centros escolares da cidade.

Abel Caballero participará no acto de presentación do Vigués Distinguido 2010 á Sociedade Helios de Bembrive

venres, 7 mai 2010

O alcalde asistirá ao acto, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de maio, ás 19:30 horas no que ofrecerase o galardón aos afiliados da SCDR Helios de Bembrive e aos colectivos veciñais que apoiaron a proposta. No evento serán homenaxeados os presidentes anteriores da Sociedade e actuarán os grupos Coral Polifónica Helios e a banda de gaitas Cans de Palleiro.

O museo de Castrelos organiza o domingo o obradoiro para familias "Landriña descobre os segredos do pazo"

venres, 7 mai 2010

No marco do programa para familias "Domingos de museo" que organiza o Museo da Cidade Quiñones de León, este vindeiro domingo 9 de maio terá lugar o obradoiro "Landriña descobre os segredos do pazo", segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este programa, de carácter gratuíto e dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, ten lugar de 11:30 a 13:30 horas e para participar non é necesario facer reserva.