O tenente de alcalde anuncia no certame escolar que o Concello creará a primeira escola municipal de regueifa
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este venres que o Concello de Vigo creará a primeira escola municipal de regueifa, en colaboración co Centro Cultural e Veciñal de Valadares. O nacionalista fixo este anuncio na quinta edición do Certame Escolar de Regueifas, cuxa final tivo hoxe lugar no CVC de Valadares e no que participaron máis de 400 estudantes de ESO de 8 centros escolares da cidade.
Santi Domínguez agradeceu a todos estudantes a súa participación no certamen "porque nos emocionades coas vosas regueifas" e porque, ao seu xuízo a implicación da xente moza é fundamental para a conservación e difusión do patrimonio inmaterial galego. "Temos que facer que entre todos e todas este tesouro, que é só noso, non se perda", salientou. No transcurso do acto, o tenente de alcalde atreveuse incluso a entonar unha regueifa: "Vós cantades en galego e eu estou emocionado, o futuro desta terra está xa asegurado".
Nesta quinta edición do certame participaron alumnos e alumnas dos centros IES Castelao, IES Politécnico, IES República Oriental do Uruguai, IES Teis, IES Manuel Antonio, IES Beade, CPR Quiñones de León e CPR Nosa Señora da Esperanza. Esta iniciativa completa os obradoiros de regueifa, impulsados pola Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Normalización Lingüística e Xuventude, co obxectivo de poñer en valor a tradición da cultura oral galega e de dar a coñecer a rima, ritmo e métrica da poesía.
Descargar todas as imaxes