Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o Convention Bureu pecha o primeiro congreso internacional, que reunirá a 3.000 persoas

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este venres que o primeiro congreso internacional que organizará o Vigo Convention Bureau reunirá a máis de 3.000 persoas, que farán un gasto medio diario de 200 euros. Trátase do XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia e da XVIII edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrarán no IFEVI do 18 ao 21 de maio de 2011.

venres, 7 mai 2010
1273236114Congreso.JPG
Santi Domínguez destacou que o Vigo Convention Bureau "empeza a dar os seus froitos" na consecución do obxectivo de desestacionalizar o turismo na cidade. Avanzou que nas datas nas que se celebrará o congreso están xa bloqueadas as prazas hoteleiras de Vigo no nivel que pide a organización. En total, segundo o tenente de alcalde, serán case 10.000 as pernoctacións que se van a producir do 18 ao 21 de maio.

A organización tamén prevé que moitos congresistas poidan chegar a Vigo un día antes do comezo do congreso, tal e como acontece noutras edicións. Tendo en conta estes datos, para Santi Domínguez, un aspecto fundamental do congreso será a súa repercusión económica, xa que o gasto medio estimado será de 200 euros por persoa e día, que supón un total de 2.400.000 euros de retorno económico.

Por outra banda, o responsable de Turismo apuntou que en outubro ou novembro unha delegación do congreso visitará Vigo para ultimar os detalles da convocatoria e que xa no vindeiro mes de xuño, o Vigo Convention Bureau se desprazará a Granada, cidade na que o congreso celebrará a edición deste ano. Ao seu xuizo, esta viaxe permitirá coñecer de primeira man a dinámica do evento e perfilar o conxunto de actividades culturais e de lecer que Vigo lle ofrecerá aos congresistas e os seus acompañantes, que a organización cifra en arredor de 500. Para Santi Domínguez, "a cidade terá a oportunidade de amosar a súa riqueza gastronómica, cultural e de lecer", e indicou que se ofrecerán visitas turísticas guiadas.

O tenente de alcalde fixo referencia as diversas esixencias que a organización do congreso pediu para que se poidera celebrar en Vigo. Entre elas destacou a necesidade de contar con tres salas, unha con capacidade para entre 1.500 e 1.700 persoas; outra entre 500 e 600 persoas; e outra entre 100 e 200 persoas. Ademais, precisan doce salas para desenvolver actividades simultáneas con capacidade para entre 50 e 70 persoas cada unha.

Outro dos requisitos que mencionou Santi Domínguez é un espazo de 2.000 metros cadrados no que ubicar os stands de laboratorios e empresas farmacéuticas e no que poidan expoñer os seus produtos. Por outra banda, sinalou que o congreso precisará realizar comidas de traballo, con capacidade para 1.400 persoas, aproximadamente e que dende o Vigo Convention Bureau se ofrecerá unha cea de gala tamén para 1.400 persoas.

"Este congreso permitirá abrir as portas a eventos deste tipo, porque demostrará a capacidade organizativa da cidade", subliñou o tenente de alcalde. Finalmente felicitou ao xerente do Vigo Convention Bureau e ao equipo técnico da Concellería de Turismo polo seu traballo.
Descargar todas as imaxes