Escoitar

A Concellería de Deportes incrementa ata os 500.000 euros os convenios cos doce equipos de elite de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, aseguraron este xoves que os convenios cos clubs de elite da cidade se incrementaron ata os 500.000 euros. Nun acto cos directivos das doce entidades, os nacionalistas salientaron que este aumento reflexa o compromiso do goberno local co deporte, e en especial coas áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía.

xoves, 6 mai 2010
1273150253clubes.JPG
"Dende que chegamos a este goberno, unha das nosas prioridades foi o apoio ao deporte da cidade", afirmou Santi Domínguez. O nacionalista explicou que por mor da crise económica foi preciso recortar en diversos capítulos, pero dende a Tenencia de Alcaldía "tiñamos claro que o gasto social e as partidas para Deportes non as podiamos tocar, porque no BNG cremos no deporte como unha gran labor social".

Na tempada 2007/08 as partidas destinadas aos convenios medraron ata os 421.000 euros, mentres que na seguinte 2008/09 chegouse aos 460.000 euros, para acadar nesta o medio millóns de euros. En total son doce clubs cos que existe convenio de colaboración, o Celta feminino de atletismo, o Celta masculino de atletismo, C.D. Bosco, Octavio, Amfiv, Vigo Stick, Vigo Rugby, Vigo Voleibol, Xuvenil de Teis, Cidade de Vigo Basquet, El Olivo e Club Halcones de Vigo, que se incorpora por primeira vez a este convenio.

Santi Domínguez felicitou aos directivos destes clubs polo traballo que fan ao longo do ano, que se trata dunha "labor impagable" ao seu xuízo. Recoñeceu que dende o Concello exclusivamente non sería posible que todos os nenos e nenas fixeran deporte sen contar cos clubs.

Destacou, asemade, que o traballo que fan é moi importante tamén porque "da continuidade ao deporte de base", xa que afirmou que os clubs son o espello no que se miran os nenos e nenas. Finalmente, o tenente de alcalde manifestou o seu compromiso de que as partidas destinadas a apoiar economicamente os equipos de elite vigueses se incrementarán no vindeiro ano.

O concelleiro de Deportes, pola súa banda, expresou a súa satisfacción por que dende a Tenencia de Alcaldía se faga propia a súa preocupación polo deporte. "Ao tenente de alcalde non teño que convencelo da importancia do deporte, porque a comparte", asegurou Xabier Alonso na súa intervención.

Ademais de destacar o incremento da contía dos convenios cos clubs de elite, o concelleiro de Deportes tamén fixo referencia a importancia que ten para estas entidades anticipar o cobro dos mesmos, sen ter que agardar ata final de tempada. "Nun momento de crise como este, esta xestión debe alegrarnos", sinalou.

Xabier Alonso manifestou que o esforzo que se está facendo para potenciar os convenios cos clubs da cidade é debido precisamente á importancia que ten o deporte na cidade, xa que segundo afirmou "contribúe ao incremento da calidade de vida da cidadanía".
Descargar todas as imaxes