Escoitar

O alcalde salienta que a humanización dun novo tramo de Sanjurjo Badía afonda na "recuperación e dignificación" de Teis

Abel Caballero encabezou este martes a inauguración simbólica do tramo de Sanjurjo Badía que une García Barbón co Barrio das Flores, a segunda parte reformada da rúa que dará paso á terceira, que iniciará os traballos en próximas semanas. A recuperación integral de Teis continuará, segundo afirmou o alcalde, sumando un total de 12 millóns de euros no barrio que "non ten precedentes" na zona.

martes, 20 out 2009
1256043924sanjurjobadia.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este martes a inauguración simbólica da humanización de Sanjurjo Badía, entre García Barbón e o Barrio das Flores, que afonda na "recuperación e dignificación" do barrio vigués de Teis.

Nun acto no que participaron membros dos tres grupos políticos con representación municipal, o alcalde informou que o custo da reforma ascendeu a 1,9 millóns de euros e empregou a 40 persoas, das que 9 procederon las listas viguesas do desemprego. A humanización conforma para o socialista un "conxunto arquitectónico e ornamental de gran beleza".

Este é un barrio "tradicionalmente esquecido", indicou o rexedor, polo que o goberno local procura a "recuperación e dignificación dunha das zonas máis fermosas da cidade" con actuacións por valor de 12 millóns de euros, como a humanización do entorno do Mercado -xa executada- e de Sanjurjo Badía, da que xa remataron dous tramos e culminarase co inicio do último nas próximas semanas.

O alcalde citou ademais que o Concello acometerá o próximo ano a humanización do Barrio das Flores, o Toural, o principio de Julián Estévez e unha parte da Avenida de Galicia. Por outra banda, o goberno local rehabilitará asemade a factoría Garavilla, realizará un paseo marítimo costeiro por Teis e reforestará o parque de A Guía, xunto co paseo que está case rematado.

Este investimento municipal en Teis "non ten precedentes", asegurou Abel Caballero, e intégrase na "nova forma de entender a cidade" que propugna o alcalde, consistente en que "todas as zonas de Vigo teñen a mesma importancia e o mesmo tratamento".

"Esta reforma integral estase a facer en todo Vigo", concluíu o rexedor, e a cidadanía viguesa vai asumindo a "cultura" de ocupar as rúas, co que estase a cumprir o obxectivo municipal de crear "unha cidade para os cidadáns", expresou.
Descargar todas as imaxes