Escoitar

A Copa de España de Squash reúne desde o venres nas pistas de Balaídos a 120 participantes

O venres comeza a Copa de España de Squash nas pistas de Balaídos con gran participación (120 inscritos) e a organización por vez primeira do Vigo Squash. Ata o domingo, as mellores raquetas do ranking estatal absoluto masculino e feminino daranse cita nunhas instalacións reformadas para a ocasión.

martes, 20 out 2009
1256043651squahs.jpg
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou a Copa de España convencido de que será "un éxito de organización ao ter detrás ao Vigo Squash, que está a facer un bo traballo de formación". De feito, sesenta son os nenos e nenas que melloran na súa escola. Ademais, lembrou que grazas ao IMD melloráronse os espazos baixo a bancada de Río para adaptar as pistas e zona de público a condicións dun evento deste tipo.

A Vigo acudirán os mellores do ranking a excepción do galego Borja Golán, mancado en agosto. Oriol Salvia e Elisabeth Sadó defenden título e entre os favoritos figuran tamén o castellonenco Alejandro Garbi, o exipcio Amir Mohamed Hussein El Samahy (vive dende hai moito en Galicia) e o galego Carlos Cornes. O Vigo Squash ten esperanza dun gran papel do vigués Hugo Varela, campión de España sub 17. En mulleres, a viguesa Xisela Aranda é favorita indiscutible, dixo Raúl Araújo, presidente da Federación Galega de Squash, que estivo acompañado no acto polo presidente da Federación Española de Squash. Ademais, os mellores xogadores e xogadoras de Portugal estarán presentes.

Carlos Dafonte, presidente do club organizador, agradeceu o traballo da Concellería de Deportes e do IMD para un evento que custará 20.000 euros e que terá entrada de balde. Para el, este debe ser o primeiro de moitos eventos importantes para Vigo.
Descargar todas as imaxes